A Xunta destaca que as axudas dirixidas a parques empresariais e viveiros industriais están mobilizando 3 M€ na provincia de Lugo nas dúas últimas convocatorias

Monforte de Lemos (Lugo), 9 de xullo de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Monforte de Lemos a reforma realizada nunha nave para acoller un novo viveiro de empresas, así como o acondicionamento dunha das vías de acceso ao parque empresarial do Reboredo.

As dúas actuacións recibiron preto de 318.000 euros en axudas por parte da Xunta de Galicia, o que permitiu unha mobilización final de 630.000 euros. Estes apoios están enmarcados nas liñas que a Administración autonómica ten a disposición dos concellos galegos, tanto para mellorar as súas infraestruturas como para implantar viveiros.

Conde destacou que, sumando as dúas últimas convocatorias, a provincia de Lugo está mobilizando ao redor de 3 M€ con estas liñas de axudas que teñen como obxectivo mellorar o equipamento e servizos destas infraestruturas. Deste xeito conséguese fortalecer o tecido empresarial desde o punto de vista da competitividade e favorecer a creación e implantación de compañías e novos investimentos.
 
O vicepresidente económico explicou que a convocatoria deste ano -xa resolta- mobilizará 6,6 M€ nun total de 43 municipios de toda Galicia (1,6 M€ corresponden á provincia de Lugo). Así, sumaranse tres novos viveiros en Cospeito, Bóveda e Baleira e realizaranse melloras de infraestruturas en Cervo, Cospeito, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Sarria e Xove.
 
Conde puxo en valor o esforzo que a Xunta está realizando para acompañar ao tecido empresarial e lembrou iniciativas como a Lei de simplificación administrativa, a Lei de áreas empresariais ou as bonificacións no solo industrial, así como o papel protagonista que teñen os Concellos Emprendedores como principais beneficiarios dos apoios.

Imaxes relacionadas