A conselleira do Mar participou na inauguración das XVII Xornadas de cultura mariñeira ‘Muros Mira ao Mar’

Rosa Quintana destaca o intenso labor do concello de Muros na protección e difusión da cultura mariñeira

A titular de Mar indicou que estas xornadas supoñen unha nova ocasión para afondar no inxente acervo cultural marítimo valéndose da historia e da evolución da frota local

A Xunta lembra que está a elaborar o Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 en colaboración coa Universidade da Coruña co obxectivo de protexer o patrimonio vencellado co mar
 

Muros (A Coruña), 8 de xullo de 2022.-

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración das XVII Xornadas de cultura mariñeira Muros Mira ao Mar, onde puxo en valor o traballo que realizan todas as veciñas e veciños da vila a prol da protección e conservación do seu patrimonio material e inmaterial vencellado co mar.

A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, naceu hai 17 anos co obxectivo de promover a cultura mariñeira a partir da longa tradición neste eido coa que conta Muros. Así, tal e como destacou a representante do Executivo autonómico, cada ano supón unha nova ocasión para afondar e divulgar o inxente acervo cultural marítimo a través da historia e da evolución da frota local.

A titular de Mar asegurou que este traballo en favor da recuperación e conservación do patrimonio mariñeiro é tamén compartido pola Administración autonómica e puxo como exemplo o convenio de colaboración asinado o pasado ano coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa Fundación para o desenvolvemento do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030. “Un traballo co que estamos a definir os compromisos estratéxicos, as liñas políticas e as iniciativas da travesía de recuperación e posta en valor de todo o noso patrimonio marítimo”, indicou Rosa Quintana.

As xornadas Muros Mira ao Mar desenvólvense desde hoxe ata o domingo e inclúe unha ampla proposta lúdica e cultural co ánimo de contribuír a engrandecer estas xornadas para locais e visitantes.

Imaxes relacionadas