Diego Calvo destaca o auxe do golf en Galicia na recepción do trofeo da Solheim Cup

O vicepresidente segundo da Xunta participou no acto de benvida á copa dunha das máis importantes competicións femininas de golf a nivel mundial, que se celebra o vindeiro ano por primeira vez en España

A Coruña, 8 de xullo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na recepción do trofeo da Solheim Cup, un dos eventos de golf feminino máis destacado a nivel mundial, onde resaltou o auxe deste deporte en Galicia, cun incremento de licenzas continuado nos últimos anos. O acto tivo lugar no Real Club Golf de A Coruña, onde quedará a copa exposta ata o vindeiro 12 de xullo para logo continuar coa súa viaxe en Santiago de Compostela. Alí despedirase da comunidade galega o día 16 deste mes.

Na súa intervención, Diego Calvo sinalou tamén os nomes propios do golf en Galicia, como Fátima Fernández, que xa compite no máis importante torneo feminino do mundo, a Ladies Professional Golf Association (LPGA). O vicepresidente segundo incidiu no compromiso da Xunta para seguir potenciando este deporte. Nesta liña referiuse ás axudas destinadas á federación e aos clubs para actividade e equipamento, entre outros aspectos, así como aos programas de promoción entre distintos colectivos.

O trofeo da Solheim Cup chega a Galicia no marco da súa viaxe polas diferentes comunidades autónomas con motivo da súa celebración por primeira vez en España. A competición, que enfronta os equipos femininos de xogadoras profesionais de Europa e dos Estados Unidos, terá lugar en setembro de 2023 en Málaga.

Imaxes relacionadas