Lete Lasa aplaude a loita pola igualdade na presentación do triatlón do Porriño máis inclusivo

A nova edición do Triatlón Concello de Porriño quere render homenaxe á loita polos dereitos do colectivo LGTBIQ+

O Porriño (Pontevedra), 8 de xullo de 2022.-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu este venres á presentación da VII edición do Triatlón Concello de Porriño, que nesta ocasión rende homenaxe á loita polos dereitos do colectivo LGTBIQ+ e está apadriñado polo triatleta Iván Raña, ao que Lete Lasa definiu como “pioneiro deste deporte” e destacou o seu palmarés como “campión do mundo e bicampión de Europa”. “Que o deporte loite pola igualdade entre as persoas é unha mostra máis dos principios que abraza como o respecto, a tolerancia ou a educación en valores”, dixo.

O mandatario galego resaltou a labor que a Xunta de Galicia vén levando a cabo en materia de igualdade no deporte representada na campaña NON en contra da violencia de xénero e a prol da equiparación deportiva. Nas súas palabras “esa cor violeta a favor da igualdade, empuxou a todos os nosos olímpicos e paralímpicos en Toquio a través do reto Galicia-Toquio con Igualdade, e empuxou tamén a Susana Rodríguez-Gacio a alcanzar o ouro e a Javi Gómez Noya na súa última carreira na distancia olímpica”.

A cita deportiva terá lugar o próximo sábado 16 de xullo ás 16,30 horas entre os concellos de Tui e O Porriño, cunha distancia de 750 metros de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pé. Ademais o evento contará cunha versión infantil, destinada a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos celebrado o mesmo día pola mañá. As distancias neste caso serán de 25 metros na piscina, 700 metros en bicicleta e 300 metros a pé. O prazo de inscrición atópase xa aberto e así o estará ata as 23,59 horas do vindeiro 12 de xullo.

Imaxes relacionadas