A Xunta adxudica por case 446.000€ as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes

Con estes traballos, cun prazo de execución de 6 meses, reforzarase a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda actual por unha nova

A intervención tamén inclúe a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

A Xunta adxudicou por case 446.000 euros as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes.

 

A intervención, adxudicada á empresa Díez y Compañía S.A, conta cun prazo de execución de 6 meses.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova.

 

A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.

 

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.

 

Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.