A Xunta ratifica o seu apoio ao festival Vigo Seafest que consolida a Galicia como capital europea da pesca

A titular de Mar salienta a importancia deste tipo de eventos para achegar o mundo do mar de xeito ameno e atractivo ao conxunto da sociedade

Rosa Quintana lembra que esta iniciativa difunde os produtos do mar entre a xente nova, xera cultura gastronómica arredor do peixe, pon en valor a pesca sustentable, mostra a relevancia da industria marítima e promociona Galicia como destino turístico

O Executivo galego apoia tanto este Festival ARVI do Peixe como a Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca desde o mesmo momento en que botaron a andar cun investimento total de máis de 700.000 euros
 

Vigo, 8 de xullo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración do Festival ARVI do Peixe 2022-Vigo SeaFest, onde salientou a relevancia deste evento para achegar o mundo do mar de xeito ameno e atractivo ao conxunto da sociedade. Por iso, expuxo a titular de Mar, a Xunta volve apoiar a organización desta cuarta edición para consolidar a Vigo e a Galicia como a capital europea da pesca e da difusión da cultura marítima.

A representante do Executivo galego lembrou que esta iniciativa permite dar a coñecer os produtos do mar entre os máis novos, xera cultura gastronómica arredor do peixe, pon en valor a pesca sustentable, mostra á cidadanía a relevancia da industria extractiva, transformadora e comercializadora de produtos do mar e para promocionar Vigo e Galicia como destinos turísticos.

Por iso, expuxo Rosa Quintana, o festival conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia froito dun convenio de colaboración coa Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), organizadora do evento, para 2022 por importe de máis de 135.000 euros. Esta contía repártese entre a celebración do Vigo SeaFest e a Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca, iniciativas ás que o Executivo galego leva destinados máis de 700.000 euros desde a súa primeira edición.

A conselleira do Mar explicou que difundir as actividades vencelladas co sector marítimo-pesqueiro é fundamental para defender o conxunto da economía galega, pois son determinantes nela, e subliñou que este tipo de eventos tamén contribúen a impulsala. Nesta liña, incidiu en que só o porto de Vigo move ao ano máis de 800.000 toneladas de produtos do mar e xera máis de 32.000 empregos, o que mostra o potencial desta actividade tanto na cidade como no conxunto de Galicia.  

A representante do Executivo galego animou aos asistentes a gozar de todas as actividades vencelladas co mar que se inclúen dentro do festival -actividades de difusión da pesca extractiva e da cultura vencellada con ela, eventos gastronómicos, musicais e deportivos, entre outros- e a facer honra á campaña GALICIA SABE AMAR.

O festival

O Vigo SeaFest, promovido por ARVI e que chega este ano á súa cuarta edición, celébrase entre hoxe e o próximo domingo na zona dos xardíns de Elduayen e do Náutico de Vigo. Cun espazo de 23.000 metros cadrados de superficie, acollerá distintas actividades abertas a todo o público e de balde para promocionar os produtos do mar capturados pola frota local mediante exhibicións de cociña, unha ampla programación musical e tamén deportiva e distintos talleres para dar a coñecer o mundo do mar dun xeito distinto tanto á poboación local como aos visitantes.

Imaxes relacionadas