O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitan o espazo xunto á praia do Carreiro

A Xunta inicia os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello no Grove

O Goberno autonómico financia con 50.000€ esta actuación, cuxa execución arrancou esta semana coa colaboración da Universidade de Vigo a través dun convenio

Inclúe a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes e a escavación de tumbas e complétase con roza, limpeza e labores de conservación e consolidación

O responsable autonómico de Cultura agradeceu a implicación e compromiso dos veciños do Grove con este complexo “único en Galicia que conta cunha gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural”

Sinala que a Xunta é “a única administración que cumpre co Adro Vello”, primeiro coa declaración BIC e agora con esta intervención, e chama ao resto a implicarse

O Grove (Pontevedra), 8 de xullo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaron hoxe a zona arqueolóxica de Adro Vello, onde a Xunta de Galicia acaba de iniciar unha actuación para poñer en valor este conxunto sito xunto á praia do Carreiro.

 

Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura agradeceu a implicación e o compromiso dos veciños do Grove con este espazo “único en Galicia” que hai uns meses comezou o proceso para ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa apertura do expediente, en trámites nestes momentos. Fíxose pola súa “gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural” nunha mostra máis da aposta do Goberno galego por protexer e conservar o patrimonio sobranceiro da Comunidade. Nesta liña, Román Rodríguez sinalou que a apertura do BIC “foi o primeiro paso para mellorar este enclave no que agora deberían implicarse todas as administracións competentes”.

 

Por este motivo, o conselleiro lembrou que a Xunta é “a única administración que cumpre con Adro Vello”, primeiro co BIC e agora con estes traballos de mellora e consolidación que se desenvolverán durante o verán. Ao fío disto, instou ao resto de institucións con competencias na zona a implicarse “e pasar das palabras aos feitos”.

 

“O conxunto arqueolóxico Adro Vello é clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés, o que o convirte nun recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis destacadas do noroeste peninsular”, explicou o conselleiro antes de lembrar a súa importancia na tradición xacobea, aludindo á moeda de Adro Vello, unha peza do século XII que representa a traslatio apostólica.  

 

A intervención xa en marcha está sendo realizada ao abeiro dun convenio de colaboración da Consellería, que achega 50.000€, coa Universidade de Vigo mediante o cal un equipo de investigadores afondarán durante un mes nos restos do xacemento.

 

En concreto, os traballos inclúen a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a escavación de tumbas con restos óseos humanos. O proxecto complétase coa roza e limpeza de estruturas e con labores de conservación e consolidación no xacemento.

 

Restos de época romana e altomedieval

A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería.

 

Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

 

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.

Imaxes relacionadas