Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, en Coristanco, un investimento de 777.000€ para favorecer os desprazamentos a pé ao centro comercial

Construirase en total máis de 1,3 km de sendas na vía autonómica AC-552 que facilitarán a mobilidade dos veciños

O itinerario en Montecelo terá 800 metros e irá pola marxe esquerda da estrada, desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial

A segunda das sendas, en Bormoio, transcorrerá pola marxe dereita de Agualada e chegará ata o cemiterio de Agrilloi

Nesta zona ampliarase a ponte sobre o río Calvar cun voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 3 de agosto para presentar as súas ofertas

Vázquez Mourelle destaca que a Xunta leva xa construídos 200 quilómetros de sendas en toda Galicia, cun investimento de 50 M€, con 11 quilómetros de itinerarios e 5 M€ na comarca de Bergantiños
 

Coristanco (A Coruña), 8 de xullo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, ás que se destinará un investimento autonómico de 777.000 euros para favorecer os desprazamentos a pé cara ao centro comercial.

 

Vázquez Mourelle presentou hoxe as actuacións previstas na estrada autonómica AC-552, que lle darán continuidade á senda posta en servizo en febreiro, un itinerario de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, cun investimento da Xunta de 1,1 M€.

 

Segundo informou, a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle desde hoxe a licitación das novas obras por un importe de máis de 752.000 €, establecendo como prazo ata o vindeiro 3 de agosto para que as empresas interesadas nos traballos fagan  chegar as súas ofertas. Segundo explicou a conselleira, a partir de aí continuarase cos trámites administrativos necesarios, o primeiro deles, xa neste mesmo mes, o día 22 de xullo, co levantamento das actas de ocupación das 4 parcelas afectadas.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou a previsión de iniciar as obras no último trimestre do ano, que teñen un prazo de execución de 8 meses, polo que no verán do 2023 os veciños disporán dos novos itinerarios peonís de Montecelo e Bormoio. O investimento total da Xunta elevarase ata os  777.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións e os servizos afectados.

 

Segundo explicou Ethel Vázquez construiranse en total algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terriza para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso fundamentalmente peonil, cun ancho mínimo de 2 metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.

 

O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.

 

A conselleira detallou que neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda peonil e aproveitarase para acondicionar a curva existente.

 

Tamén explicou que no núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi.  Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.

 

Os traballos completaranse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existe rede de pluviais e, onde non hai, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.

 

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

 

A conselleira referiuse, tamén, a outra recente actuación no municipio do departamento que dirixe, atendendo a unha demanda do alcalde, pola que se executou un pequeno treito de senda na estrada AC-421, para mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida, ao centro de Castrobó, onde se atopan os principais equipamentos e servizos. O investimento acadou os máis de 30.000 €.

 

Ethel Vázquez puxo en valor a execución deste tipo de infraestruturas verdes, coas que desde a Xunta se pretende fomentar unha mobilidade máis segura, máis respectuosa co medio, pero tamén máis saudable, xa que os desprazamentos a pé, camiñar, incide moi positivamente na saúde, lembrou.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, avanzando agora nestes novos treitos de senda na estrada AC-552, despois de levar xa construídos 200 km de sendas en toda Galicia e investidos 50 M€.  Citou, entre elas, os 11 km executados coa 1ª fase do Plan de sendas de Bergantiños, con 5 M€ de investimento, e tamén cos que se iniciaron en xuño, en Soesto e Serantes, en Laxe; ou os que se están a impulsar en Ponteceso, en Xornes e no Couto.

Imaxes relacionadas