Martina Aneiros recibe ao árbitro Javier Iglesias Villanueva ao que felicita polo seu ascenso a Primeira División do fútbol nacional

A delegada territorial da Xunta en Ferrol destacou a súa traxectoria na organización arbitral onde ingresou aos 16 anos e foi ascendendo nas diferentes categorías ata chegar ao máis alto este mesmo ano

Ferrol, 8 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu hoxe ao árbitro Javier Iglesias Villanueva ao que felicitou polo seu recente ascenso á Primeira División do fútbol nacional. No acto estiveron tamén acompañados do presidente da Delegación de Árbitros de Ferrol, Juan Manuel Díaz Vidal.

Orixinal de Pontedeume, Iglesias Villanueva ingresou na organización arbitral aos 16 anos, ascendendo nas diferentes categorías ata chegar á Segunda División no ano 2018 onde dirixiu máis de 140 partidos antes de conseguir o ascenso a Primeira División.

Aneiros recoñeceu a súa ampla traxectoria arbitral e que vén avalada tamén por varios premios como mellor árbitro e mellor promesa e destacou a súa carreira como “un exemplo para os mozos que comezan a súa andadura no arbitraxe,  animándoos a desenvolver o seu labor con esforzo e con traballo”.

Por último, a delegada territorial tivo palabras de agradecemento ao labor da delegación de árbitros da que Iglesias Villanueva é un colaborador nato, “por difundir valores non só de deportividade, senón tamén educativos aos mozos” e reivindicou o seu recoñecemento como deportistas.

Imaxes relacionadas