O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria destas subvencións, dirixidas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento dotadas con 300.000 €

A Xunta concederá axudas de ata 10.000 € aos concellos para identificar e erradicar as fugas de auga nas redes de abastecemento

O Goberno galego busca apoiar aos municipios no diagnóstico das perdas de auga e atallar unha das problemáticas que agravaría un eventual episodio de seca

As fugas nas redes municipais sitúanse de media no 41% e superan o 60% en municipios de poboacións inferior aos 2.000 habitantes

Os incentivos cubrirán o 80% do investimento realizado polos concellos desde o 1 de xaneiro deste ano, establecéndose un límite máximo por solicitude segundo a poboación do municipio, que oscila entre os 10.000 € e os 6.000 €

O 55% do importe resérvase para os municipios de ata 5.000 veciños, que son os que teñen maiores dificultades técnicas e financeiras

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de presentación e ata o esgotamento do crédito, e son compatibles con as concedidas por outras Administracións

Os concellos interesados poden solicitar as axudas desde mañá, dispoñendo dun mes para presentar as súas solicitudes

A iniciativa é parte da estratexia da Xunta para adaptar a xestión da auga ao cambio climático e estar mellor preparados ante posibles episodios de seca, que ten como un dos principais instrumentos a Lei de garantía do abastecemento, en vigor desde xaneiro do 2020
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

A Xunta concederá axudas de ata 10.000 € aos concellos para identificar e erradicar as fugas de auga nas redes municipais de abastecemento. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das primeiras axudas aos concellos para a realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, ás que destina un investimento de 300.000 euros.

Esta convocatoria de axudas para o presente ano 2022, avanzada onte no Consello da Xunta, está dirixida ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento, de competencia local, que teñan unha poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes.

Serán subvencionables os gastos destinados polos concellos desde o 1 de xaneiro de 2022 á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentación da solicitude de subvención.

A contía total consignada pola Xunta distribuirase entre os concellos solicitantes de acordo á poboación do municipio, reservándose o 55% do importe a concellos de ata 5.000 habitantes, que son os que teñen maiores dificultades técnicas e financeiras para a correcta xestión dos seus sistemas de abastecemento.

Máis en detalle, do orzamento total, o 30% resérvase aos municipios de menos de 2.000 habitantes, o 25% para os de ata 5.000, o 20%  para os de ata 10.000 habitantes, o 15%  para os de ata 20.000, e o 10% para os concellos de ata 50.000 habitantes.

O importe dos incentivos será do 80% do investimento subvencionable, establecéndose un límite máximo por solicitude segundo a poboación do municipio. O dito límite oscila entre un máximo de 10.000 €, para os municipios de máis de 20.000 habitantes e ata 50.000 habitantes; e os 6.000 € para os que contan con ata 2.000 veciños. Para o resto dos concellos, fíxase o límite en 7.500 € para os que contan cunha poboación de ata 5.000 habitantes; e 8.000 € para os municipios de ata 10.000 habitantes.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de presentación e ata o esgotamento do crédito, e son compatibles con outras subvencións que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá e deberán presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado  e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal .

Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse o detalle das axudas: https://bit.ly/3RmYruP , https://bit.ly/3c1xbli .

Con estas axudas a Xunta apoia aos concellos no labor de optimización do funcionamento dos seus sistemas de abastecemento, mediante un maior control dos caudais que circulan polas redes municipais, co fin de diagnosticar e atallar unha das problemáticas que pode agravar un eventual episodio de seca en Galicia: as fugas de auga nas redes de abastecemento.

Cómpre lembrar que, de media, as fugas nas redes municipais acadan un 41% e chegan a superar o 60% en concellos cunha poboación inferior aos 2.000 habitantes. O obxectivo último que marca a lei é que os municipios sitúen as fugas das súas redes de abastecemento por debaixo do 20% e con estas axudas a Xunta busca contribuír á consecución deste obxectivo.

Deste xeito,  a Xunta coopera cos concellos na realización dunhas auditorías nas redes de abastecemento municipais que permitirán optimizar o seu funcionamento, reducindo as perdas de auga, cos conseguintes beneficios económicos, ambientais e sociais. Os concellos poderán así, a partir destas auditorías, deseñar plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, evitando malgastar auga e enerxía e, en consecuencia, malgastar recursos públicos e esenciais.

As auditorías municipais de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga son instrumento indispensable para diagnosticar e atallar as perdas do recurso hídrico nas redes, así como de grande axuda para que os responsables dos sistemas de abastecemento estean mellor preparados ante eventos climáticos extremos como os provocados por unha ausencia prolongada de precipitacións.

Ademais, nun escenario de incremento constante do prezo da enerxía, a optimización dos recursos hídricos captados e potabilizados, reducindo as perdas de auga, resulta unha medida que pode contribuír dun xeito moi eficaz a reducir os custos nas explotacións dos abastecementos e redundar positivamente na cidadanía a través dunhas tarifas da auga más axustadas.

Co fin de facilitar e homoxeneizar o traballo realizado polos responsables dos sistemas de abastecemento, Augas de Galicia redactou unhas recomendacións para a elaboración das auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, establecendo uns contidos mínimos acordes aos da convocatoria de axudas.

As auditorías municipais incluirán os sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas e deberán incluír unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello.

Esta medida enmárcase na estratexia da Xunta para adaptar a xestión da auga ao cambio climático e estar mellor preparados ante posibles episodios de seca, que ten como un dos principais instrumentos a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, en vigor desde xaneiro do 2020.