A Xunta convoca as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

Os interesados deberán presentar a solicitude no prazo dun mes a partir de mañá

Os exames terán lugar na primeira quincena de novembro, na datas e horarios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia coa antelación necesaria

Celebraranse probas válidas para todas as clases de transportes e especializadas en diferentes mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas, entre outras

Santiago de Compostela 8 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, para este ano 2022.

Celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas segundo o tipo de mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.

As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto para cada modalidade –transporte por estrada ou por ferrocarril- como para unha das especialidades xa citadas.

Os profesionais e persoas que precisen dispor deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes. No seguinte enlace ao DOG pódese acceder á toda a información e aos modelos de formularios que se deben presentar para concorrer ás probas: https://bit.ly/3AB4Wo6.

Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a contar a partir de mañá. Os formularios achegaranse preferiblemente por vía electrónica a través da dirección https://sede.xunta.gal, pero tamén se poderán entregar nos rexistros establecidos.

Os exames terán lugar na primeira quincena do mes de novembro. A través do DOG publicaranse a data e os horarios concretos coa antelación necesaria, que será como mínimo de quince días naturais á data ou datas elixidas. Nesta publicación tamén se completarán as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que, para o mesmo fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas constará de dous exercicios: o primeiro, consiste en responder 50 preguntas tipo test; o segundo céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. No caso das persoas aspirantes na modalidade de renovación do citado certificado, deberán responder a 50 preguntas tipo test.

Exixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.