A Xunta reforza as frecuencias de autobús durante as festas de Vilaboa, no concello de Culleredo, para facilitar o regreso de madrugada cara á Coruña

Haberá un servizo á 01:00 da madrugada os días 10, 11, 12 e 13 de xullo, e un adicional á 01:45 o día 13, de Vilaboa a Entrexardíns, pasando por Alfonso Molina

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis coa Xente Nova e os demais usuarios terán descontos co uso da tarxeta TMG

A Xunta quere facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público para reducir os riscos da condución nocturna, diminuír o tráfico e o impacto ambiental

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

A Xunta ofrecerá servizos especiais de autobús durante as festas de Vilaboa, no concello de Culleredo, os días 10, 11, 12 e 13 de xullo para facilitar o regreso de madrugada cara á Coruña.

Estes catro días estará operativo un autobús de regreso á 01:00 da madrugada, e o día 13, adicionalmente, haberá un servizo á 01:45, desde Vilaboa ata Entrexardíns, pasando por Alfonso Molina.

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que xa fan en todos os autobuses da Xunta. Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta de transporte metropolitano TMG.

Este servizo fará paradas nos lugares de: Vilaboa Igrexa, A Corveira, Portazgo, Palavea_Alcampo, Alfonso Molina_Coca-Cola, Alfonso Molina_Zapateira, Alfonso Molina_Elviña, Alfonso Molina (Carrefour), avenida Alfonso Molina, praza de Ourense, Entrexardins.

Para o desprazamento ás festas, as liñas do transporte interurbano xa ofrecen a posibilidade de acudir desde A Coruña cada media hora.

A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais, quere facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, se diminúa o tráfico e con iso o impacto ambiental.