O presidente da Xunta participou na presentación do libro “Las reliquias de Santiago” de Antón M. Pazos

Rueda resalta a importancia da conservación do patrimonio cultural como reclamo turístico para Galicia

Salienta o traballo dos investigadores para coñecer o pasado, interpretar o presente e anticiparse ao futuro

Destaca as inversións da Xunta para poñer en valor o patrimonio de Santiago e das rutas xacobeas

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a importancia da conservación do patrimonio cultural como reclamo turístico para Galicia.

 

Na presentación do libro Las reliquias de Santiago, de Antón M. Pazos, o titular do Goberno galego salientou o traballo dos investigadores para coñecer o pasado, interpretar o presente e anticiparse ao futuro. Alfonso Rueda agradeceu a Antón M. Pazos as súas pescudas arredor dun período moi concreto e fundamental para o fenómeno das peregrinacións a Compostela como foi o achado das reliquias do Apóstolo Santiago no ano 1879. “Aínda que Galicia recibiu de forma constante peregrinos dende hai máis de mil anos, foi a partir dese momento cando a ruta xacobea acadou un novo pulo fundamental para interpretar o que é hoxe o Camiño”, subliñou o presidente da Xunta.

 

Tal e como indica a obra publicada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o achado dos restos do Apóstolo influíu na arquitectura da Catedral e mesmo mudou os costumes da cidade, coa aparición da tradición da queima da fachada do templo nas festas do Apóstolo ou a progresiva chegada de peregrinos movidos por outros motivos máis alá dos relixiosos.

 

O presidente da Xunta destacou a evolución das peregrinacións ata chegar ao “momento histórico” que vive o Camiño coa celebración dun dobre Ano Santo. No que vai de ano superouse o récord de peregrinos acadado no 2019 pola mesma época, con máis de 160.000 compostelas entregadas, “cifra nunca alcanzada antes a estas alturas do ano”, recordou Rueda.

 

A Xunta vén demostrando nos últimos anos o seu compromiso co patrimonio arredor do Camiño e das peregrinacións a Santiago, como fixo coa restauración da Catedral compostelá, na que se investiron máis de 23 millóns de fondos públicos e privados. Alfonso Rueda recordou que un estudo da Universidade de Santiago de Compostela cifrou nuns 250 millóns de euros o impacto económico da obra, da que destaca a rehabilitación do Pórtico da Gloria. Nese interese polo patrimonio xacobeo, a Xunta traballa agora na rehabilitación de doce Bens de Interese Cultural vinculados ao Camiño ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation, que completan as accións nas que o Goberno autonómico leva anos traballando ao abeiro do Plan de BICs do Camiño de Santiago e outras máis recentes como a mellora da conservación dos conxuntos catedralicios galegos co Plan Catedrais.

 

O presidente do Goberno galego subliñou o labor das Administracións públicas e privadas na recuperación e conservación do patrimonio e a importante achega que nese aspecto ofrecen historiadores como Antón M. Pazos e o conxunto de investigadores do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento para “poñer luz” e achegar o saber necesario para coñecer o pasado, interpretar o presente e anticiparse ao futuro.

Imaxes relacionadas