Galicia reforza os lazos co mundo lusófono no 'III Foro da cooperación municipalista da lusofonía'

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na inauguración do encontro, desenvolvido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta

A lusofonía foi sempre un criterio de referencia na definición e o establecemento das prioridades xeográficas na política galega de cooperación

Cabo Verde, 7 de xullo de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na inauguración do III Foro da cooperación municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta. Baixo o lema O desenvolvemento local e a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), unha visión resolta no proceso de transformación dixital dos territorios, o encontro xunta ata mañá en Cabo Verde representantes locais de distintos territorios lusófonos.

Na súa intervención, Jesús Gamallo referiuse ao achegamento ao mundo da lusofonía como un dos obxectivos fundamentais da Acción Exterior de Galicia. Nesta liña, salientou o labor da Comunidade Autónoma “na incorporación do Reino de España como observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa”. “De agora en diante, a Xunta poderá estar presente nos grupos de traballo que se vaian creando de especial relevancia para Galicia, como os relacionados coa pesca, a cooperación ao desenvolvemento ou a difusión da lingua”, engadiu.

Segundo sinalou o director xeral, a lusofonía foi sempre un criterio de referencia na definición e o establecemento das prioridades xeográficas na política galega de cooperación. “A continuidade das alianzas de traballo cos países africanos de lingua oficial portuguesa constitúe un dos valores diferenciais da cooperación galega”, apuntou.

Así, o vixente IV Plan director da cooperación galega recoñece o valor e a experiencia de traballo nestes países socios da acción exterior, incluíndo Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique entre os once países prioritarios. No caso de Cabo Verde, a Xunta leva investidos desde 2006 máis de 1,2 millóns de euros en programas de cooperación, centrados en proxectos de fortalecemento institucional de cámaras municipais, auga e saneamento, e, xa nos últimos anos, no eido do desenvolvemento marítimo coa participación da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar e da Universidade de Vigo.

Espazo de debate e reflexión

O Foro da cooperación municipalista da lusofonía é un espazo de debate e reflexión sobre os desafíos que afrontan os municipios de lingua portuguesa e galega no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, así como da valoración das posibilidades de cooperación. Creado en 2019, conta co apoio da Xunta co obxectivo de promover unha maior implicación e responsabilidade das administracións locais galegas na área de cooperación ao desenvolvemento e difusión da Axenda 2030. Trátase así de continuar impulsando a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

Imaxes relacionadas