A Xunta activará dúas liñas de axudas para impulsar a transformación industrial e a dixitalización das pemes e autónomos galegos

O obxectivo, asegura, é mellorar a competitividade das empresas nun contexto económico marcado pola saída da pandemia e a suba de prezos

A Xunta lanza dous programas de axudas que suman 7 M€

A nova liña destinada a proxectos para o desenvolvemento da economía circular suma 1,5 millóns para promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos

Os apoios serán do 35 % dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en iniciativas individuais

Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais, de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos

O segundo programa aprobado no Concello da Xunta de hoxe dedica 5,4 millóns a unha nova edición dos obradoiros e axudas á dixitalización de pemes e autónomos

Os apoios, con anticipos tamén de ata o 50 %, facilitan a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor, mentres que os obradoiros funcionan como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse a convocatorias de axudas
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022 .-

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras o Consello da Xunta a convocatoria de dúas liñas de axudas para promover e facilitar a transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos galegos. O obxectivo, sinalou, é “mellorar a competividade das pequenas e medianas empresas e dos autónomos” da Comunidade no marco dun contexto económico marcado pola saída da pandemia e a suba de prezos agravada pola invasión de Ucraína.

 

Rueda explicou que estes dous programas “contarán cun orzamento conxunto de case 7 millóns de euros” e asegurou que a previsión do Goberno galego é poder apoiar a “uns 300 proxectos” a través destas liñas de axuda.

 

O Goberno galego porá en marcha no mes de xullo estes dous programas. Dun lado, as axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, innovadora liña que se activa por primeira vez cun importe de 1,5 millóns para este exercicio. E doutro, os obradoiros e axudas á dixitalización de pemes e autónomos que, habilitada inicialmente en 2018, conta este ano cun orzamento de 5,4 millóns. En total prevese que se poidan apoiar arredor de 300 proxectos, tanto individuais como colectivos.

 

O primeiro deles, o programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos da economía circular, busca promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

 

En réxime de concorrencia competitiva, os apoios serán do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en proxectos individuais.

 

Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais, de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

 

Deste xeito, o Goberno galego dá un paso máis na Estratexia galega de economía circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sustentable.

 

Máis de 40 millóns mobilizados

Neste contexto, a Vicepresidencia Primeira convoca, a través do Igape, unha nova edición do programa de obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0. Deste xeito, apóiase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor, mentres que os obradoiros funcionan como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse a convocatorias de axudas.

 

Esta é a sétima convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018 -no caso das axudas aprobáronse xa máis de 850 solicitudes ás que hai que engadir os 86 obradoiros impulsados-, concedéndose axudas por máis de 20M€, que levan mobilizadso 40 M€ en investimentos para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

 

En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos.

 

Como no programa de economía circular, prevense anticipos do 50 % do importe e, no caso das axudas á dixitalización, cóbrese o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas. No caso dos obradoiros, acada o 100 % dos gastos subvencionables cun máximo de 25.000 euros por proxecto.

Imaxes relacionadas