A Xunta amósalle ao coronel xefe do Aeródromo de Santiago o labor do Centro de Referencia na Loita contra o Lume

Acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, Pedro Díaz coñeceu o Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

O Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais recibiu hoxe a visita do coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago, Pedro Díaz, quen coñeceu o labor da estrutura da man do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, que estivo acompañado polo subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas.

Trátase do posto de mando central dende o cal se dirixen e coordinan as accións de defensa contra os lumes para todo o territorio galego. Desde este centro pódense despregar de xeito óptimo as novas fontes de información provenientes das cámaras da Rede de Vixilancia de Espazos Forestais e do vídeo en tempo real das aeronaves e bases aéreas, así como a ampliación e mellora de información de observación e predición meteorolóxica, entre outras utilidades.

Así, o director xeral lembrou que a Rede de videovixilancia forestal contará este ano cun total de 148 cámaras en 74 localizacións. Estas cámaras, trasladoulle ao coronel, contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación, podendo incluso identificar o número das matrículas dos automóbiles que estean circulando polo monte. 

Tamén esta semana técnicos de garda do 112 visitaron as instalacións do centro da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela co que se coordinan ante unha situación de incendio forestal. Unha visita na que estiveron o subdirector xeral de Extinción, Fernando Veiga, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. Neste senso, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural