O vicepresidente segundo da Xunta recibiu esta mañá as xogadoras, equipo técnico e directiva do club

Diego Calvo felicita o Club Waterpolo Pontevedra feminino por acadar un fito histórico co ascenso á primeira nacional

Destacou o apoio do Goberno galego ao club polo seu importante papel no fomento do deporte base con máis dun cento de deportistas que participan nas categorías desde prebenxamíns ata absolutos masculino e feminina

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe o Club Waterpolo Pontevedra feminino, ao que felicitou por acadar un fito histórico e converterse no primeiro equipo galego en ascender a Primeira División Nacional, a segunda categoría a nivel estatal.

Remarcou que esta boa nova súmase aos logros acadados nesta tempada cos títulos da Liga Galega de División de Honra e a Copa Galega tanto Absoluta Feminina como Xuvenil Feminina. Por iso, expresou o agradecemento ás xogadoras pontevedresas e ao Club Waterpolo Pavillón Ourense que forman parte deste club polo seu sacrificio e compromiso, así como ao corpo técnico encabezado por Javier de Sáa e ao presidente da entidade, José Ángel Tellería, por conseguir que desde a creación do primeiro equipo máis dun cento de deportistas participan nas distintas categorías do club desde prebenxamíns ata absolutas masculino e feminino.

Por iso, incidiu no importante papel do Club Waterpolo Pontevedra para fomentar o deporte base e contribuír á dinamización do municipio, ademais de repercutir no gran momento que vive o waterpolo galego que acadou nesta tempada récord de licenzas de ámbito autonómico.

Imaxes relacionadas