A Xunta adxudica por máis de 260.000€ as obras que permitirán completar a rede de saneamento do concello de Irixoa

Desenvolveranse 5 ramais en tubaxe para conducir as augas residuais á depuradora do municipio

A actuación pretende ampliar a rede para poder dar servizo a todos os núcleos da parroquia
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras que permitirán completar o servizo de saneamento no concello de Irixoa.

 

O contrato foi adxudicado á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas, S.L., por un importe de máis de 260.000€. As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello para impulsar a mellora da rede de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos.

 

A parroquia de Irixoa dispón de estación depuradora de augas residuais e un tramo do colector xeral que chega ata a parte central da zona urbana do núcleo. O obxectivo é ampliar a rede de saneamento co fin de dar servizo ao resto de núcleos que conforman a parroquia, e completar así dita rede.

 

A intervención consistirá no desenvolvemento de 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

 

Isto permitirá que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento actual que as conducirá ata a depuradora. Tamén se instalarán 3 pozos conectados por tubaxe de PVC para unir todas as vivendas á rede na marxe contraria da estrada DP-0905.

 

Esta nova obra dará servizo a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041 que, sumada á xa conectada á depuradora, suporá 242 habitantes para ese ano.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, realizará as obras e asume o 80% do investimento, mentres o Concello de Irixoa contribúe ao financiamento co 20% restante, ademais de facerse cargo da realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

 
 

A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento.