A peme lucense Jamones González recibe apoio para a internacionalización dunha liña de produto innovadora a través do programa ‘Galicia Avanza’

Representantes da Xunta de Galicia e do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) visitaron esta mañá esta empresa do sector da alimentación para visibilizar as compañías seleccionadas na aceleradora de internacionalización de innovación ‘Galicia Avanza’

As 30 empresas seleccionadas -5 da provincia de Lugo- que pertencen a sectores tan diversos como o turismo, a saúde, a enerxía, TIC, alimentación, automoción ou aeroespacial, facturaron máis de 100M€ nos últimos dous anos e dan emprego a máis de 470 persoas
 

O Corgo (Lugo), 7 de xullo de 2022 A directora da Axencia Galega Innovación (Gain), Patricia Argerey, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e o director xeral da Tecnópole, Javier Taibo, visitaron esta mañá a peme lucense Jamones González, seleccionada xunto a outras 29 empresas galegas para participar na aceleradora de internacionalización da innovación Galicia Avanza. Este novo programa de aceleración, posto en marcha este ano pola Vicepresidencia primeira e a consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), ten como obxectivo que solucións innovadoras galegas se posicionen e vendan no mercado exterior no menor prazo posible.

 

Con esta iniciativa perséguese reforzar a consolidación das pemes galegas no mercado internacional contribuíndo así á xeración de riqueza, creación de emprego e progreso económico en base á innovación como factor de competitividade.

 

O esforzo da empresa Jamones González, dedicada á elaboración de produtos derivados do porcino e que conta con varios selos de calidade, entre eles o de Galicia Calidade, é un exemplo por situar a súa liña de produto ecolóxico sen aditivos no mercado europeo, iniciativa para a que conta ademais co apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) para desenvolver un proxecto de I+D+i para a elaboración de embutidos e xamóns de porco celta sen aditivos.  

 

Coa súa participación en Galicia Avanza, pretende achegar a súa liña de produto eco a mercados europeos como Dinamarca, Alemaña, Francia e Portugal. Ademais, prevé crear un departamento de exportación, investir en márketing internacional, facer unha análise do potencial de internacionalización doutros produtos, recibir apoio na elección dos mercados e buscar canles de comercialización e promoción.

 

Resolución de Galicia Avanza

A primeira convocatoria de Galicia Avanza recibiu 42 solicitudes de participación, das que foron seleccionadas 30 -5 da provincia de Lugo-. As pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial. Estas 30 empresas facturaron máis de 100 millóns de euros no período 2020-2021 e dan emprego a máis de 470 persoas.

 

Entre as solucións innovadoras escollidas atópanse, por exemplo: unha copa menstrual elaborada con silicona platino, mobiliario e outros produtos de deseño fabricados con plástico reciclado, unha empresa do eido aeroespacial dedicada ao desenvolvemento e fabricación de pequenos satélites que busca posicionarse como provedor de referencia na subministración de misións completas, unha firma que comercializa un módulo de vivenda a partir de contedores marítimos destinado principalmente a campings, ata unha empresa dedicada ao desenvolvemento e comercialización de produtos biolóxicos para o control de pragas e enfermidades no ámbito agroforestal.

 

No eido turístico hai unha axencia especializada na venda de cruceiros turísticos que busca comercializar internacionalmente unha serie de experiencias locais vencelladas á identidade marítima da Coruña e As Mariñas, unha empresa dedicada á comercialización online de estadías en spas, así como unha firma que avanza na xestión do check-in automático en hoteis.

 

Do sector alimentario seleccionouse, ademais de Jamones González, unha empresa que fabrica e comercializa embutido 100% vexetal sen cereais e sen conservación en frío, unha compañía biotecnolóxica que busca introducir a quimosina para o callado do leite, unha bodega que quere afianzar a internacionalización do seu viño albariño ecolóxico, ou un sistema capaz de analizar as claves para garantir o éxito sensorial dos produtos agroalimentarios.

 

No eido da biotecnoloxía, apoiarase unha plataforma para o procesado automático de neuroimaxes asistido por Intelixencia Artificial; unha empresa que obtén e comercializa biotoxinas mariñas con interese para as industrias agroalimentaria, téxtil e cosmética; unha firma que busca aproveitar o auxe internacional da cosmética natural e ecolóxica mediante un aceite ozonizado con propiedades antisépticas, antioxidantes, cicatrizantes e rexenerantes que eles mesmos producen.

 

No campo da saúde, seleccionouse unha ferramenta para a dixitalización do servizo de alimentación en hospitais e residencias, unha plataforma que optimiza o proceso de asignación e planificación dos pacientes e recursos das unidades de radioterapia oncolóxica, ademais dun software de análise de datos para a súa aplicación nas primeiras fases de descubrimento de fármacos.

 

Varias das propostas céntranse no ámbito enerxético, como un sistema de monitorización de redes de distribución eléctrica de media e baixa tensión; unha empresa que desenvolve, fabrica e comercializa innovadores dispositivos de acumulación, xestión e transformación de enerxía portátiles para os sectores aeronáutico e industrial; e unha empresa de servizos asociados a parques eólicos e aeroxeradores.

 

O sector TIC está presente a través dunha oficina virtual de atención cidadá, unha plataforma baseada en tecnoloxía WebRTC que permite a operadoras e grandes empresas crear casos de uso personalizados extendendo as redes de comunicación VoIP a calquera dispositivo que teña conexión a internet, ou unha ferramenta que axuda á toma de decisións con utilidade para a análise e avaliación de políticas locais e rexionais.

 

Folla de ruta personalizada con cada empresa

Durante un período de 8 meses, cada unha destas empresas accederá a un itinerario personalizado en eidos como o estudo de mercado, a estratexia de márketing, a adaptación dos produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. Ademais, recibirán titorización e asesoramento, así como capacitación e formación especializada.

 

Esta nova aceleradora forma parte do conxunto de iniciativas de apoio ao emprendemento innovador e ao crecemento a través da innovación impulsadas pola Xunta de Galicia. Ademais, súmase a outras dúas iniciativas neste eido executadas en colaboración con Tecnópole: o programa Agrobiotech Innovación e Connect-19, que apoiaron en conxunto 41 pemes

Imaxes relacionadas