A Xunta adxudica por máis de 365.000€ a mellora da depuradora de Comboa, no concello de Soutomaior

Mellorarase o estado das instalacións e incrementarase o control sobre a explotación da depuradora, ademais da activación de sistemas de desodorización, promovendo un avance na calidade ambiental da zona

Actualizarase a estación de tratamento, substituíndo equipos e elementos obsoletos, ademais da instalación de sensores de nivel ultrasónico, cambio na cuberta e a inclusión de aire acondicionado na sala de control

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, enmárcanse no convenio entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Soutomaior

A Xunta mantén o apoio aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

A Xunta adxudicou por máis de 365.000€ as obras de mellora da depuradora da Comboa, no concello de Soutomaior.

Esta intervención, adxudicada á empresa Extraco Construccións e Proxectos, S.A., ten como obxectivo mellorar o estado das instalacións e incrementar o control sobre a explotación da depuradora, así como a activación de sistemas de desodorización, promovendo no seu conxunto un avance na calidade ambiental da zona.

Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses e enmárcanse no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Soutomaior para executar as obras de actualización da depuradora.

Augas de Galicia asume integramente o financiamento, a contratación e a execución das obras de renovación da estación depuradora, adaptándoa á nova normativa. Pola súa banda, o Concello de Soutomaior porá á disposición os terreos necesarios para executar as obras, tramitará as autorizacións precisas para posibilitar a súa realización e asumirá as actuacións que se leven a cabo.

A depuradora de Comboa púxose en funcionamento no ano 2001. Ten unha infraestrutura con instalación fisicoquímica sen tratamento secundario, que na actualidade presenta problemas de xeración de olores e carece dun pozo de grosos previo. Con este contrato levaranse a cabo actuacións para mellorar o funcionamento da planta, coa substitución de equipos e elementos obsoletos.

Entre os traballos que se van realizar, prevese a instalación de sensores de nivel ultrasónico no depósito de lodos, así como a retirada da cuberta actual por unha nova da mesma tipoloxía e a inclusión dun equipo de aire acondicionado na sala de control.

Tamén se colocará un silo de lodos na zona de entrada á depuradora de 10 m3, así como electricidade e iluminación.

As actuacións serán cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

O departamento que preside Ethel Vázquez presta con estas actuacións apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer eficientemente as súas responsabilidades e continuar mellorando a calidade da auga e a calidade de vida da poboación galega.