O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación ás entidades locais do proxecto de Ence nas Pontes

A Xunta destaca o efecto tractor que o proxecto de Ence vai ter sobre a cadea de valor da industria das Pontes

Conde apunta que, especialmente, as auxiliares da central térmica e as do sector do transporte e a loxística terán unha oportunidade para o mantemento da actividade e os postos de traballo

A previsión da empresa é que un cento de pemes e autónomos se poidan beneficiar desta iniciativa

Subliña que esta iniciativa vai ser un revulsivo para a actividade industrial da comarca e contribuirá a convertela nun enclave estratéxico para a bioeconomía en Galicia

Afirma que o feito de que Ence escollese As Pontes para este proxecto, complementario e nunca alternativo a Lourizán, demostra que non só quere seguir en Galicia, senón consolidar o seu proxecto na Comunidade en torno ao binomio industria-sustentabilidade

Esta segunda fábrica de Ence está entre as 36 iniciativas de grandes empresas que a Xunta preseleccionou para optar á convocatoria do Fondo de Transición Xusta ao que tamén poden optar as pemes
 

As Pontes (A Coruña), 7 de xullo de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o efecto tractor do proxecto que Ence estudia poñer en marcha nas Pontes (A Coruña) porque a previsión da empresa é que un cento de pemes e autónomos se poidan beneficiar da posta en marcha da futura planta ao traballar de forma directa na cadea de valor.

Na presentación desta iniciativa ás entidades locais —que contou coa presenza do conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares—, Conde apuntou que serán empresas dedicadas, fundamentalmente, á recollida selectiva de cartón; á recollida e transporte de restos forestais; pequenas e medianas empresas e autónomos do sector da loxística; de limpeza e mantemento; e pequenas empresas de apoio informático, xestorías, máis pemes ligadas á hostalería e ao comercio. Especialmente, as auxiliares da central térmica e as do sector do transporte e a loxística van ter unha oportunidade para o mantemento da actividade e os postos de traballo.
 
O vicepresidente económico apuntou que o polo de economía circular e biomateriais que Ence proxecta nas Pontes vai ser un revulsivo para a actividade industrial da comarca e vai contribuír a convertela nun enclave estratéxico para a bioeconomía en Galicia. Segundo a empresa, será autosuficiente desde o punto de vista enerxético e non consumirá nova madeira durante o proceso, senón papel e cartón. O 80% da produción será pasta reciclada branqueada e o 20% restante papel e produtos hixiénicos.
 
Conde salientou que o feito de que Ence escollese As Pontes para este proxecto complementario, non alternativo a Lourizán, demostra que non só quere seguir en Galicia, senón consolidar o seu proxecto na Comunidade en torno ao binomio industria-sustentabilidade. Polo tanto, ao longo de todo o ano que a empresa se dá de prazo para avaliar os aspectos técnicos, ambientais e financeiros, a Xunta vai estar ao seu carón tratando de dar resposta ás necesidades que se lle presenten.
 
Esta segunda fábrica que Ence estudia implantar está entre as 36 iniciativas de grandes empresas que a Xunta de Galicia preseleccionou para optar á convocatoria do Fondo de Transición Xusta ao que tamén poden optar as pemes. Xunto con este proxecto figuran, ademais, outros nos que a Administración autonómica está traballando para desenvolver nas Pontes: o de Reganosa e EDP Renovables, para instalar unha planta de hidróxeno verde; e o de Sentury Tire, que proxecta implantar unha factoría de pneumáticos das máis eficientes e avanzadas do grupo. E tamén están na lista outras iniciativas empresariais prioritarias aprobadas hai pouco pola Administración autonómica na contorna, como a fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos e a planta de reutilización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas.
 
Conde concluíu avogando pola colaboración entre administracións e remarcando a importancia que vai ter para o futuro desenvolvemento destes proxectos a implicación do Goberno, dos diferentes ministerios, a través dos fondos europeos.

Imaxes relacionadas