A Xunta lamenta a renuncia de dúas empresas a tres obras do Rexurbe por mor do atraso de case ano e medio na concesión das licenzas de obra municipais

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, sinala que o IGVS non pagou as taxas de licenza porque o Concello de Ferrol aínda non as enviou

Ferrol, 7 xullo de 2022

As obras en tres edificios do Programa Rexurbe, en Ferrol Vello, acaban de quedar sen empresa adxudicataria debido á demora de preto de ano e medio do Concello de Ferrol para a concesión das licenzas urbanísticas correspondentes. Trátase por unha banda da rehabilitación dos inmobles dos números 8 e 22-24 da rúa Carme Curuxeiras, que formaban parte do mesmo lote, e, por outra, de Rastro 7. As dúas empresas adxudicatarias renunciaron recentemente á actuación a causa da dilación na tramitación dos permisos.

“Desde a Xunta non podemos senón lamentar estas circunstancias porque unha vez máis, quen perde é a cidade, neste caso o barrio de Ferrol Vello”, indicou a delegada territorial, Martina Aneiros. “No contexto actual de suba de prezos, as empresas non poden esperar tanto tempo a iniciar os traballos desde que se lles adxudica a obra por mor dun trámite administrativo que depende do Concello e que o está a empregar para entorpecer os investimentos da Xunta de Galicia na cidade”, afeou.

Aneiros lembrou que, lamentablemente, estes non son casos illados. “O problema na demora das concesións de licenzas de obra no Concello de Ferrol non é unha circunstancia que afecte só á Xunta, é unha circunstancia que padecen todos os veciños desta cidade cando queren acometer melloras nas súas vivendas”, insistiu e acusou ao goberno local de “obstaculizar as inversións autonómicas na cidade”.

Sen noticia das taxas
Aneiros aclarou tamén a este respecto que se o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) non aboou as taxas da licenza é porque o Concello aínda non as enviou. “No caso das dúas obras na rúa Carme Curuxeiras, recibimos un requirimento o pasado 14 de xuño solicitando o nome da empresa adxudicataria, así como a dirección de execución e coordinación de seguridade, requirimento ao que se lle deu resposta o pasado martes 5 de xullo e que supoñía unha condición previa ao envío das taxas ao IGVS”, puntualizou a delegada territorial. “Non é certo que o Concello estea á espera do pago das taxas para conceder as licenzas porque non se nos remitiron”, dixo.

No caso das obras de Espartero 18 e Rastro 7, o Concello de Ferrol requiriu a adaptación dos proxectos ás novas condicións urbanísticas vixentes. “Neste caso trátase de dúas obras afectadas pola anulación do Plan Especial de Ferrol Vello”, aclarou.

“A sucesión de requirimentos e o atraso na concesión das licenzas afástase moito do proceder habitual nestas tramitacións, máis tendo en conta a demanda de vivenda existente na cidade”, sinalou a representante da Xunta. Lembrou ademais que o atraso nos proxectos provocou que Ferrol perdera 3 millóns de euros que non foron executados nos orzamentos de 2021, algo que a Xunta agarda que non volva ocorrer cos 2,4 millóns consignados en 2022.