A Xunta destaca a boa evolución das parcelas contratadas ao abeiro do convenio de protección das aldeas, que aumentou nun 400% entre 2019 e 2022

Manuel Rodríguez indicou que no ano 2021 revisáronse as faixas secundarias de 116 concellos, que comprenden 59.158,80 hectáreas en 866.114 parcelas, concluíndo que máis dun 66% da superficie estaba xestionada

José Luis Chan aclarou que segue vixente a moratoria na que se prohiben as novas plantacións de eucalipto alí onde non os hai, incluído en zonas de turbeiras, e destacou que a lexislación sectorial vixente, actúa ante a destrución de hábitats prioritarios en calquera lugar do territorio
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, deu conta esta mañá na Comisión 7ª dos datos relativos ao convenio de protección das aldeas, subscrito en 2018 entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga. Alí, destacou a boa evolución das parcelas particulares contratadas ao abeiro do Sistema de xestión da biomasa nas franxas secundarias para a protección das aldeas, onde se pasou de 5.012 fincas contratadas en 2019 a 25.651 predios en 2022. Isto supón un aumento de máis do 400%, asegurou o director xeral, o que evidencia a boa acollida deste sistema público entre a poboación.

Neste senso, Manuel Rodríguez lembrou que os propietarios das parcelas localizadas nas faixas secundarias das parroquias priorizadas  son os que poden encomendar a xestión das mesmas á entidade pública Seaga, por unha tarifa de 350 euros por hectárea (IVE incluído), é dicir, 35 euros por 1.000 metros cadrados.

Nesta liña, cabe indicar que a día de hoxe son 273 os concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas, o que supón case o 88% dos existentes. A distribución territorial dos concellos adheridos ao convenio é a seguinte: 80 na Coruña, 54 en Lugo, 87 en Ourense e 52 en Pontevedra.

Precisamente, Manuel Rodríguez indicou que o obxectivo fundamental do convenio é garantir a correcta xestión da biomasa nas parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa que establece a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que son as que bordean os núcleos de poboación.

Así, en canto aos controis da xestión de biomasa, o director xeral indicou que inicialmente o convenio contemplou traballos de revisión de parcelas en 157 parroquias (priorizadas) de 81 concellos, o que supuña un total de 10.147,31 ha en 181.392 parcelas. Porén, no ano 2021 reforzouse notablemente este labor ata chegar á revisión completa das faixas secundarias de 116 concellos, acadándose así información concreta do estado de xestión de 866.114 parcelas, que comprenden 59.158,80 ha. Do resultado destas inspeccións, incidiu Rodríguez, concluíuse que algo máis do 64% das parcelas están xestionadas, o que representa máis dun 66% da superficie.

Ademais, para fomentar esa adecuada xestión da biomasa, explicou o director xeral, tamén se colabora cos concellos na execución dos traballos preparatorios para a notificación e publicación relativa á obriga de xestión da biomasa. Neste senso, tras os controis realizados no ano 2021 enviáronse aos concellos un total de 180.483 notificacións e 171.508 publicacións. Neste senso, cabe lembrar que desde o 1 de xuño deste ano xa comezaron os novos controis polo territorio galego, comezando nas parroquias priorizadas.

Perímetros de alto risco

Durante a súa intervención, o director xeral tamén trasladou que o convenio inclúe a posibilidade de que todos os concellos adheridos poidan solicitar que Seaga execute actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal, ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano con cargo ao convenio para logo poder delimitar un perímetro de alto risco.

Así, dentro do tramo establecido no perímetro, as actuacións consistirían na xestión da vexetación mediante a roza e a eliminación de especies como piñeiros, eucaliptos ou acacias, incluíndo o abatemento, tronzado, saca e amoreado da madeira e a recollida e eliminación de restos.

Ao abeiro disto, no ano 2021 a Consellería declarou os primeiros oito perímetros de alto risco de incendio en vías municipais. Estas primeiras declaracións contemplaron actuacións no concello de Bergondo (7,89 hectáreas), Carnota (11,57 ha), Navia de Suarna (11,96 ha), Pantón (6,57 ha), Carballeda de Valdeorras (11,89 ha), Carballeda de Avia (11,82 ha), Campo Lameiro (7,75 ha) e Crecente (11,91 ha). 

Por último, Manuel Rodríguez tamén salientou a colaboración veciñal en materia de xestión da biomasa. Así, a Consellería fixo entrega de material e equipamento necesario para levar a cabo actuacións sobre a biomasa, infraestruturas preventivas ou apoio á intendencia en situación de incendios forestais a un total de cinco asociacións veciñais situadas nos concellos de Vilarmaior, Monterroso, Lobios, Cualedro e Silleda.

Plantación de eucaliptos en zonas de turbeiras

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, aclarou que segue vixente a moratoria na que se prohiben as novas plantacións de eucalipto alí onde non os hai. Unha moratoria, incidiu, que foi incluída na Lei de recuperación da terra agraria e no propio Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade Carbónica”.

Ademais, Chan incidiu en que segundo a lexislación sectorial vixente, a destrución de hábitats prioritarios en calquera lugar do territorio é unha infracción e sempre que o Goberno galego ten constancia dela actúase de inmediato.

Por último, o director xeral incidiu en que culpar ao sector forestal da desaparición deste tipo de hábitats é totalmente incongruente. Neste senso, recalcou que a cadea monte-industria é un piar fundamental para a economía circular e a bioeconomía, dentro do Pacto Verde Europeo e, polo tanto, espérase que se vexa respaldado pola correspondente asignación de fondos Next Generation para o desenvolvemento dos proxectos presentados e afianzar, dun xeito definitivo, o sector forestal galego apoiado nun monte biodiverso, multifuncional, sustentable e cunha xestión forestal activa.