A Xunta pon en valor a aposta das pemes da Coruña pola dixitalización como motor da transformación do tecido produtivo

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Toldos Gómez, empresa de Arzúa especializada no sector que está a impulsar ferramentas tecnolóxicas e de intelixencia de negocio a través do programa de axudas á dixitalización

Salientou que a liña leva mobilizados desde a súa posta en marcha máis de 40M€ en investimentos para favorecer a transformación dixital e a mellora da competitividade do tecido empresarial galego

Na provincia da Coruña aprobáronse ata o de agora máis de 270 axudas por un importe conxunto de case 6M€
 

Arzúa (A Coruña), 6 de xullo de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Toldos Gómez, no concello de Arzúa, empresa especializada no sector que suma catro fábricas en Galicia e que está a impulsar, nestes momentos, distintas ferramentas tecnolóxicas e de intelixencia de negocio grazas ao programa de axudas á dixitalización que promove, a través do Igape, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

 

Guldrís resaltou o compromiso coa modernización dos procesos produtivos da empresa   -que se dedica á fabricación de toldos, téxtiles técnicos, carpas e estruturas-, como “motor transformador” de cara a incrementar a súa competitividade. Neste sentido, Toldos Gómez participa desde hai anos en diversos programas de apoios, entre os que destacan as axudas á dixitalización, que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores estratéxicos de Galicia.

 

Neste sentido, o director do Igape subliñou que este programa, activado no ano 2018, leva mobilizados ata o de agora máis de 20M€ en axudas para impulsar a transformación dixital de pemes e autónomos. Só na provincia da Coruña aprobáronse ata o de agora máis de 270 axudas por un importe conxunto de case seis millóns de euros.

 

“A dixitalización do tecido produtivo é unha necesidade para a mellora competitiva das nosas empresas. Un proceso de transformación dixital máis prioritario, se cabe, no contexto económico actual”, destacou Guldrís, quen explicou que o programa forma parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19.

 

Unha aposta, proseguiu, que este mesmo ano tense materializado noutros programas como o InnovaPeme e o DeseñaPeme, que permiten ao tecido empresarial galego desenvolver iniciativas de innovación en produtos, procesos e servizos.

 

Neste marco, o director do Igape puxo en valor outros programas que facilitan a aposta das pemes polo seu desenvolvemento estratéxico, priorizando a innovación e a dixitalización, como é o caso do ReAcciona, do que tamén se ten beneficiado Toldos Gómez, o que lle permitiu contar co apoio de expertos nestes ámbitos.

Imaxes relacionadas