A Xunta apoia con 1,5 M€ os 27 Centros de Información á Muller e programas locais para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación na provincia de Pontevedra

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informaron da resolución do programa autonómico, que permitirá aos concellos, consorcios ou mancomunidades poñan en marcha, entre outros, actuacións contra a violencia de xénero e/ou a explotación sexual e para facilitar a corresponsabilidade e a igualdade

Os representantes autonómicos, acompañados polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, revelaron a contía destas achegas nunha visita ao Centro de Información á Muller situado na Casa Rosada, que recibirá unha nova axuda de 43.800€

Os 27 servizos darán cobertura a 50 concellos, o que supón o 81% dos existentes na provincia, cun investimento de 1,27 M€, que se complementarán con 85.343€ para plans de promoción da igualdade e 186.715€ para medidas de conciliación

Poio (Pontevedra), 6 de xullo de 2022

A Xunta investirá este ano máis de 1,5 millóns de euros nas axudas dirixidas a apoiar os 27 centros de información á muller (CIM) da provincia de Pontevedra e os programas locais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos concellos, consorcios ou mancomunidades deste territorio da comunidade.

Os apoios, en concreto, para os que se conceden anticipos de ata o 80% das axudas (na pasada convocatoria fixouse no 75%), inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación con 12 entidades beneficiadas da provincia por un importe de 186.715 euros; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero con 8 entidades beneficiadas cunha achega global de 85.349 euros; e apoio aos 27 CIM da provincia a través dun investimento de 1.273.855 euros.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informaron esta mañá da resolución deste programa autonómico nunha visita ao centro de información á muller de Poio, emprazado na Casa Rosada, xunto ao alcalde, Luciano Sobral. Neste acto confirmaron que o servizo deste municipio recibirá unha nova achega de 43.800 euros para o seu funcionamento.

Ademais, informaron que os 27 CIM operativos darán cobertura a 50 concellos, o que supón o 81% dos existentes, a través dos agrupamentos da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos; Caldas, Barro e Portas; Lalín, Agolada e Rodeiro; Salceda, As Neves e Salvaterra; Soutomaior, Pazos de Borbén e Vilaboa; Valga, Moraña e Pontecesures; e a Mancomunidade do Salnés.

Paralelamente, a Xunta financiará os servizos individuais nos municipios da Estrada, A Guarda, Arbo, Baiona, Bueu, Cangas, Catoira, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Marín, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía, O Grove e O Porriño.

Esta liña de axudas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres, integrada actualmente por 84 centros en toda Galicia e que dan cobertura a un total de 191 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4 millóns de euros. Cada entidade que vén de resultar beneficiaria destas axudas pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de que se presentaran á convocatoria de xeito compartido.

Outras liñas de axuda

No programa para o fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, destínanse máis de 186.000 euros aos municipios da Estrada, A Lama, As Neves, Arbo, Catoira, Cerdedo.-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Meis, Pontecesures, Rodeiro e Valga. A Xunta quere axudar a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas (campamentos de verán, en Nadal ou outro tipo de medidas de conciliación) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes con contías que van dos 18.000 euros para os concellos que se presentaron á convocatoria deste ano de xeito individual aos 30.000 para os de xestión compartida que resultaron beneficiados. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e con 2.000€ máis para a compartida.

A terceira liña, con 85.000 euros para a provincia, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. A Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Ábrense estes apoios a medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 15.000 aos 28.000 euros para entidades que concorreron á convocatoria de xeito individual ou en conxunto, respectivamente. Os municipios beneficiarios son os da Guarda, Cangas, Cuntis, Moaña, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño e Tui.

A Xunta leva investidos nestes programas en toda Galicia, cos que apoia o labor das entidades galegas para a promoción da igualdade, o fomento da conciliación e a loita contra a violencia de xénero, máis de 64 millóns de euros desde 2009 ata o de agora, incluída a convocatoria deste ano.

Imaxes relacionadas