A Xunta preselecciona 36 propostas presentadas por grandes empresas que agora poderán optar, xunto ás pemes, ao Fondo de Transición Xusta

A consulta, á que se presentaron 54 iniciativas, era un requisito fixado polo Goberno central para as grandes empresas, xa que só as seleccionadas terán a oportunidade de concorrer xunto ás pemes á convocatoria de axudas que lanzará a Administración autonómica unha vez o Estado transfira estes fondos europeos

Entre as iniciativas, están proxectos xa presentados á Xunta de Galicia para As Pontes, como a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables, a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire ou o centro para a recuperación de papel e cartón de Ence

Tamén aparecen na lista as novas instalacións proxectadas por Showa Denko na Coruña, o centro de produción de metanol verde de Forestal del Atlántico en Mugardos ou a planta de Nervión Naval Offshore para a ensamblaxe de estruturas de eólica mariña flotante no porto exterior de Ferrol

Galicia busca a transformación do tecido empresarial e xerar un impacto económico e social positivo nos lugares identificados como zonas de transición xusta, que no caso galego se corresponde coa provincia da Coruña polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes

A Comunidade disporá de 111 millóns de euros para o impulso de proxectos que faciliten un plan de desenvolvemento territorial sostible e que garantan o mantemento do emprego nestes territorios, favorecendo novas oportunidades entre as pemes galegas

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia, tras a avaliación realizada por técnicos do Inega e do Igape, preseleccionou un total de 36 propostas entre as 54 manifestacións de interese que se presentaron á convocatoria lanzada para grandes empresas, un requisito fixado polo Goberno central para que teñan a oportunidade a futuro de concorrer ao Fondo de Transición Xusta.

 

Deste xeito, as compañías elixidas poderán participar na convocatoria de axudas que o Goberno galego lanzará unha vez o Estado transfira estes fondos europeos á Comunidade -que no caso de Galicia ascenden a 111 millóns de euros-, ademais de que aprobe os plans de transición xusta. Polo tanto, o resto de grandes empresas xa quedan excluídas do reparto final de fondos; e cómpre lembrar que a esta futura convocatoria, ademais destas empresas preseleccionadas, participarán todas as pemes que o estimen oportuno.

 

Galicia contará cunha partida de 111 millóns de euros na procura de identificar e impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego e nos que colaboren, de modo principal, pequenas e medianas empresas da Comunidade. Aínda non se pode fixar unha data para esta futura convocatoria porque queda pendente de que o Goberno transfira os fondos e aprobe os plans de transición xusta.

 

Este fondo, que xestionará a Administración autonómica, facilitará, así, a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, que no caso de Galicia se corresponde coa provincia da Coruña, polo peche das centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados.

 

Entre as 36 propostas seleccionadas, 24 son proxectos no eido enerxético e os outros 12 pertencen ao ámbito máis industrial. Así, entre as iniciativas que pasaron esta primeira selección -e polo tanto poderán concorrer á convocatoria de axudas- están a planta de Nervión Naval Offshore para a ensamblaxe de estruturas de eólica mariña flotante no porto exterior de Ferrol; o centro de produción de metanol verde de Forestal del Atlántico (Mugardos); a aposta da empresa de automoción Showa Denko, con sede na Coruña, para ampliar as súas instalacións; e proxectos vinculados con As Pontes xa presentados á Xunta de Galicia, como a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes, a instalación dunha fábrica de pneumáticos de Sentury Tire ou a proposta de Ence para construír un centro para a recuperación de papel e cartón.

 

Deste xeito, o Goberno galego reforza o seu compromiso pola transformación ecolóxica da industria, a economía circular e a eficiencia enerxética, ao tempo que impulsa o traballo das pemes galegas a través de proxectos empresariais tractores para a diversificación económica do territorio. Trátase de iniciativas que fomentarán tamén a investigación, a innovación e a transformación dixital.

 

Imaxes relacionadas