Galicia promove a través do programa ‘Veráns de Lecerconsumo’ o consumo responsable entre todas as idades

A iniciativa, desenvolvida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), propón actividades lúdicas para nenos e nenas de 3 anos en diante

O obxectivo é aproximar a poboación aos valores do consumo responsable a través de talleres, xogos e charlas

O programa, que se desenvolve na maioría dos casos no marco dos campamentos urbanos, contou con máis de 2000 participantes en pasadas edicións
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

O programa de actividades Veráns de Lecerconsumo,orientado especificamente para a tempada estival, volve cunha proposta de diferentes actividades orientadas a achegar aos participantes a importancia de realizar un consumo responsable e sostible.

A iniciativa, desenvolvida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) dependente de Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e que en pasadas edicións contou con máis de 2000 participantes, poraseen marcha en campamentos urbanos e outras iniciativas de ocio que se desenvolvan durante os meses de xullo e agosto.

Propón unha colección de actividades para diferentes grupos de idade, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante. Así, os nenos de 3 a 6 anos poderán asistir ao taller Xogueteando: Un lecer diferente!, que consistirá na narración dun conto animado co obxectivo de promover un lecer activo, no que os nenos e nenas fabricarán os seus propios xoguetes. No caso dos participantes de 7 a 12 anos de idade, realizarán unha xincana na que traballarán na importancia da reutilización, a reciclaxe, e na redución dos residuos, para rematar deseñando o seu propio cartel de consumo responsable e sostible.

Por outra banda, as actividades para mozos e mozas de 13 e 14 anos teñen como obxectivo darlles a coñecer a publicidade e como esta inflúe nos hábitos de compra das persoas, invitando a que creen o seu propio anuncio publicitario. Os participantes de 15 a 17 anos reflexionarán sobre o consumo na rede, os seus riscos e perigos e as súas vantaxes, afondando no coñecemento dos seus dereitos como persoas consumidoras.

Finalmente, a oferta de actividades compleméntase coa posibilidade de desenvolver encontros participativos, abertos e dinámicos onde os asistentes poderán expoñer as súas dúbidas e reflexións sobre o ámbito do consumo.

A iniciativa vén a complementar o conxunto de actividades formativas e divulgativas postas a disposición da cidadanía polo IGCC. Así, no que vai de ano, téñense desenvolvido máis de 70 accións formativas ás que asistiron máis de mil persoas.