Fernández-Tapias anuncia a licitación das obras de mellora na estrada autonómica PO-315 en Cangas por máis de 257.000 €

A delegada territorial da Xunta en Vigo informou que os traballos se desenvolverán entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 e na entorna do quilómetro 13+500

As empresas interesadas na execución das obras teñen de prazo ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas

Recordou que o Goberno galego está a investir 1,1 millóns de euros nas obras para eliminar o treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Coiro e Tirán
 

Cangas (Pontevedra), 6 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata a PO-315 para anunciar a licitación, por importe de 257.710 euros,das obras de mellora nesta estrada autonómica no Concello de Cangas.

Concretamente, segundo informou a representante do Goberno galego, actuarase en dous treitos, situados entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 e na entorna do 13+500. A este respecto, Fernández-Tapias incidiu en que o Executivo autonómico continúa a mellorar a rede viaria “para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable”.

Detallou, así, que os traballos que se desenvolverán entre os puntos 10+100 e 10+380 ao seu paso pola parroquia de Aldán, contemplan a mellora dos percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil aparellada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa.

Neste tramo incluirase, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e o alumeado.

 

En canto ao segundo treito do proxecto, entre os puntos 13+200 e o 13+550, apuntou que se acometerán tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de espigón.

As empresas interesadas na execución destes traballos teñen ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas.

 

As obras, que serán financiadas con fondos europeos REACT EU como parte de resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, contan cun prazo de execución de 4 meses.

 

TCA da PO-551

Fernández-Tapias aproveitou a súa visita ao municipio pontevedrés de Cangas para recordar que a Xunta está a investir 1,1 millóns de euros nas obras para eliminar o treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Coiro e Tirán, nos concellos de Cangas e Moaña.

 

Segundo dixo, o obxectivo é ter rematados os traballos que se iniciaron no mes de xuño a finais deste ano. Ademais, explicou que as obras proxectadas neste treito permitirán ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de autobús para facilitar os desprazamentos a pé e facer máis cómoda á espera do transporte público.

Imaxes relacionadas