A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe este proxecto, que se agarda estea finalizado antes do remate do vindeiro verán

Ethel Vázquez avanza que a finais de ano se iniciarán as obras de mellora do abastecemento de Arbo, un investimento de 2,2 M€ para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade aos veciños

Vázquez Mourelle sinala que as obras, froito da colaboración entre a Xunta e o Concello, mellorarán a rede e asegurarán o abastecemento no verán, reducindo as perdas de auga e optimizando os depósitos de abastecemento

Indica que a actuación busca solucionar as deficiencias na captación do río Deva, unha vez rematada unha 1ª fase dos traballos cun investimento de máis de 46.000 €

Acometerase unha estación de tratamento de auga potable no Couto, deseñada para tratar un caudal de 50 m³/hora e con distintos sistemas de tratamento

Arbo (Pontevedra), 5 de xullo de 2022

Ethel Vázquez avanzou hoxe que a finais de ano se iniciarán as obras de mellora do abastecemento de Arbo, cun investimento de 2,2 millóns de euros para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade aos veciños.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe este proxecto xa licitado e cuxo prazo de presentación de ofertas vén de rematar, sendo un total de 10 as empresas que trasladaron o seu interese por levar a cabo estas actuacións.

Detallou que os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses, polo que antes de que remate o vindeiro verán, os veciños de Arbo disporán dunha rede de abastecemento renovada e eficiente.

A intervención é froito da colaboración selada entre Xunta e Concello a finais do pasado ano, pola cal a Administración autonómica achega máis de 2,1 M€, ademais de contratar e executar as obras; e o municipio pon o financiamento restante, preto de 163.000€.

Vázquez Mourelle subliñou a importancia destes proxectos nun contexto de cambio climático, con situacións de seca prolongada, que fai precisas infraestruturas eficientes, que eviten a perda de auga nas redes municipais de abastecemento, que acadan de media o 41% e mesmo nos concellos máis pequenos chega a superar o 60%.

Sinalou que estas actuacións resolverán os problemas no sistema de abastecemento municipal, tendo en conta que Arbo se abastece actualmente dunha captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto.

A actuación busca solucionar as deficiencias na captación do río Deva, que abastece á práctica totalidade do municipio, unha vez rematada a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e de instalación de equipos para o control do caudal e cloro, cun investimento de máis de 46.000 €.

As novas obras que se van executar mellorarán a rede e asegurarán o abastecemento no verán, reducindo as posibles perdas de auga e optimizando os depósitos de abastecemento.

Para iso, acometerase unha nova estación de tratamento de auga potable (ETAP) no Couto, deseñada para tratar un caudal de 50 m³/hora e con distintos sistemas para garantir o correcto tratamento.

Tamén se executarán dous novos bombeos, un no Couto e en praia do Val; e novas impulsións, entre praia do Val e O Couto e entre O Couto e Paravedra, sumando máis de 4 quilómetros de impulsións; e rehabilitaranse os depósitos de abastecemento do Couto e de Paravedra.

Este proxecto, no seu conxunto, beneficiará a unha poboación de 3.326 habitantes no ano horizonte 2.045.

A actuación conta con financiamento europeo no marco do eixo REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas