A Xunta apoia o ciclo de concertos “Noites do Porto” que se desenvolverá nos peiraos de Batería en outubro

A Coruña, 5 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, na presentación do ciclo de concertos “Noites do Porto”, unha iniciativa musical que conta con apoio da Xunta e que terá lugar do 20 ao 23 de outubro, e que este ano incorpora a artistas de ámbito internacional, aos que se sumarán novos nomes nas próximas semanas.

 

Ademais, o evento ampliará o seu número de xornadas de directos: en total serán catro xornadas seguidas de concertos as que se poderán gozar no peirao de Batería, no espazo portuario aberto para o uso dos coruñeses, e que se completará cunha programación expandida que terá lugar nas noites do 19 e 26 de outubro en salas de concertos da localidade.

 

Trenor destacou que coa programación musical do Xacobeo o Goberno galego está a apostar pola celebración de eventos musicais que permitan situar a Galicia no imaxinario colectivo, de forma especial no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre os visitantes. O representante do Goberno galego tamén recalcou que “coa ampla programación que hoxe presentamos viviremos experiencias musicais únicas nun lugar emblemático que agora o Porto da Coruña está a devolver aos coruñeses: os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, cumprindo o compromiso adquirido de devolver este espazo para o seu uso público”

 

Imaxes relacionadas