O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, informou hoxe do proxecto xunto ao alcalde e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

Román Rodríguez anuncia un investimento de 1,3 M€ para a construción en Lalín dun equipo de produción térmica con biomasa

A nova instalación será licitada nos vindeiros meses e dará cobertura a catro edificios públicos: o instituto Ramón María Aller Ulloa, o colexio Xesús Golmar, o Auditorio Municipal e á escola infantil Galiña Azul Lalín-Pontiñas

Co cambio de combustible reduciranse 184 toneladas de CO2, un 94% das emisións actuais, e aforraranse uns 27.000€ anuais

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, actualmente en marcha, aposta por espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental

A nova instalación será licitada nos vindeiros meses e dará cobertura a catro edificios públicos: o instituto Ramón María Aller Ulloa, o colexio Xesús Golmar, o Auditorio Municipal e á escola infantil Galiña Azul Lalín-Pontiñas

Co cambio de combustible reduciranse 184 toneladas de CO2, un 94% das emisións actuais, e aforraranse uns 27.000€ anuais

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, actualmente en marcha, aposta por espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental

Desde o ano 2009 o Goberno galego investiu máis de 24 M€ en proxectos de reforma enerxética e 32 M€ en rehabilitacións integrais de colexios e institutos

Lalín (Pontevedra), 5 de xullo do 2022

A Xunta de Galicia investirá 1,3 M€ para a construción en Lalín dun equipo de produción térmica con biomasa que surtirá de enerxía a catro edificios públicos do concello. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita xunto ao alcalde, José Crespo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández.

Na presentación do proxecto, o responsable autonómico de Educación explicou que o “ambicioso proxecto da Xunta” que vai ter a súa base no aparcadoiro do instituto Ramón María Aller forma parte compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da eficiencia enerxética. “Desde o ano 2009 levamos investidos máis de 24 M€ en proxectos de reforma enerxética que se suman aos máis de 32 M€ destinados a rehabilitacións integrais en colexios e institutos das catro provincias”, salientou Román Rodríguez.
 
“Este curso démoslle un novo impulso a este compromiso coa posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental”, incidiu.
 
No caso de Lalín, tal e como explicou o conselleiro, construirase un equipo de produción térmica con biomasa nas inmediacións do instituto desde onde partirán as instalacións hidráulicas que alimentarán tanto a este centro como ao colexio Xesús Golmar, ao Auditorio Municipal e á escola infantil Galiña Azul Lalín-Pontiñas.
 
Nesta liña, Román Rodríguez explicou que a medida do Goberno galego conta “cun triplo impacto de beneficio no conxunto da cidadanía ao lograrse aforro económico e enerxético, un incremento no confort térmico por parte dos usuarios e unha mellora no mantemento dos montes ao apostar por unha enerxía renovable de orixe autóctono”.
 
En concreto, co cambio de combustible lograrase unha diminución do 25% no consumo de enerxía e reduciranse 184 toneladas de CO2, o que supón un 94% das emisións actuais. Todo isto suporá un consumo máis respectuoso co medio ambiente e un aforro de 27.000€ anuais.

Imaxes relacionadas