O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na entrega de títulos de propiedade 362 veciños

A Xunta remata a parcelaria de Serantes e Niñodaguia en Santiso (A Coruña), tras investir case 1 M€ e reorganizar máis de 300 hectáreas

Santiso (A Coruña), 5 de xullo de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de 630 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Serantes e Niñodaguia-sector II, no concello coruñés de Santiso, dando así por rematado este proceso que beneficiou a un total de 362 veciños da zona.

Esta parcelaria, na que o Goberno galego investiu preto de un millón de euros, supuxo a reorganización dunha superficie de 343 hectáreas. Neste senso, cabe sinalar que a meirande parte desta concentración está dedicada a labradío e pastos, polo que a reorganización que se fixo na zona permitiu triplicar a superficie media das parcelas finais e reducir os custos de produción das granxas da contorna, ao concentrarse a súa base territorial. Así, pasouse de 1.997 predios iniciais a 630 parcelas resultantes, mellorando a estrutura territorial das explotacións desta área.
 

Desta forma, José González sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Precisamente, sinalou, o concello de Santiso ten concentrada preto do 60% da súa superficie, ao ter xa rematados seis procesos de concentración parcelaria. Esta porcentaxe será de algo máis do 70% cando se finalice a concentración de Novela-Liñares-Pezobrés, prevista para este ano 2022.

Ademais, o titular de Medio Rural incidiu en que estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os 23.300 títulos entregados de 22 concentracións desde o ano 2020 a arredor de 10.100 propietarios, incluídos os da parcelaria de hoxe.
 
Así mesmo, o conselleiro sinalou que a Xunta segue traballando arreo na finalización das 92 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 56 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias.
 
De feito, lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos nos concellos de Outeiro de Rei (dúas parcelarias), Castro de Rei, Friol e Ordes. O que permitirá beneficiar a máis de 8.300 veciños ao reorganizar 4.200 hectáreas de terreo. Estas novas concentracións parcelarias -as primeiras iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
 
Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de  recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros. Neste senso, cabe lembrar que a día de hoxe Galicia ten declaradas un total de 19 aldeas modelo, que supoñen a recuperación e posta en valor de 523 hectáreas de superficie.
 
 

Imaxes relacionadas