A Xunta impulsará a finca de Lourizán e a escola de cantería de Poio tras a cesión por parte da deputación de Pontevedra

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, asinaron hoxe o protocolo xeral para a transmisión da titularidade de ambos centros

O Goberno galego traballará na recuperación de Lourizán e, a través da Escola de Cantería, potenciará a Formación Profesional da familia das industrias extractivas
 

Pontevedra, 5 de xullo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron hoxe en Pontevedra o protocolo xeral para a transmisión da titularidade da Finca de Lourizán e da Escola de Cantería de Poio ao Goberno galego. No acto participaron tamén o conselleiro do Medio Rural, José González, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, así como a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.

No texto establécese a intención de impulsar os instrumentos xurídicos máis axeitados para levar a cabo a cesión, que inclúe os recursos persoais e materiais precisos para a actividade que desenvolven ambos centros. As instalacións poderán utilizarse para fins de uso xeral ou servizo público.

O vicepresidente segundo destacou que a titularidade da Finca de Lourizán lle vai permitir á Xunta traballar na recuperación dun espazo de alto valor histórico e natural.Canto á Escola de Cantería de Poio, Diego Calvo sinalou que co traspaso da súa titularidade se impulsarán as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.

A Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades ten previsto analizar as instalacións e os posibles ciclos a implantar, tras consultar o empresariado do sector e avaliar a demanda. Deste xeito, refórzase a aposta do Goberno galego por estas ensinanzas, garantía de emprego e de profesionalización.

O obxectivo é potenciar os estudos da familia profesional das industrias extractivas, ámbito de especial transcendencia para o patrimonio e o sector da construción, e cunha elevada demanda en Galicia. Nesta liña, cómpre sinalar que xa o vindeiro curso se impartirá o ciclo de grao medio de pedra natural no IES Ribeira do Louro do Porriño, na modalidade dual en colaboración co Clúster do Granito.

Imaxes relacionadas