A Xunta aproba o proxecto de construción dunha senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento de máis de 1,5 M€

O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é licitar as obras a finais deste mes para poder inicialas este mesmo ano, cun prazo de execución de 12 meses

Construirase un itinerario de case 4,6 km de lonxitude, en formigón coloreado con bordo e cun ancho variable dun mínimo de 1,80 metros, que permitirá mellorar a mobilidade peonil e a seguridade entre estes núcleos de poboación

A senda salvará a canle existente no punto quilométrico 2+350 a través dunha ponte de 23 metros de lonxitude e ancho útil de 1,8 metros

Adecuaranse catro marquesiñas nas paradas de autobús e executaranse varios pasos de peóns con iluminación específica, para mellora da mobilidade transversal e unha mellor accesibilidade á nova senda
 

Practicamente toda a lonxitude da PO-402 disporá de espazo para o tránsito peonil seguro nesta zona con vivendas a ambas as marxes da estrada, coa senda que xa chega ao cemiterio de Oleiros e as beirarrúas existentes en Leirado
 

A actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez responde á petición do Concello e súmase ás obras de mellora da mobilidade peonil executadas nos últimos anos para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto de construción para a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada autonómica PO-402, entre os núcleos de Oleiros e Leirado, no concello de Salvaterra de Miño.

A actuación nesta estrada suporá un investimento autonómico de 1.525.383 euros. O obxectivo da Xunta é licitar as obras a finais deste mes para poder adxudicalas en outubro e iniciar os traballos antes de que finalice o ano. A intervención conta cun prazo de execución de 12 meses, aínda que o obxectivo é poder tela rematada para o verán de 2023.

As obras consistirán na construción dunha senda peonil e ciclista de case 4,6 km de lonxitude, que unira os núcleos de Oleiros e Leirado, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+640 e 5+230 da estrada PO-402.

Este novo itinerario executarase en formigón coloreado reforzado con mallazo e disporá dun ancho variable dun mínimo de 1,80 metros. A elevación da senda con respecto á rasante da estrada será de 10 centímetros.

Para a ampliación da plataforma e dispoñer de espazo para a senda executaranse muros de perpiaño en varios tramos da estrada, e adecuarase a rede de drenaxe lonxitudinal e transversal á nova configuración da vía tras a execución da senda. Tamén se adaptarán as instalacións de sinalización e servizos que se poidan ver afectados pola obra.

Na actuación destaca a intervención un treito de senda que debe ser executado en estrutura, no punto 2+350 da PO-402, no que existe unha canle que é necesario salvar. Deste xeito, proxéctase a instalación dunha ponte de 23 metros de lonxitude e ancho útil de 1,8 metros, realizada en madeira de piñeiro silvestre tratada en autoclave para maior durabilidade.

O proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe, ademais, a adecuación de catro marquesiñas nas paradas de autobús.

Tamén se prevé a execución de varios pasos de peóns con iluminación específica, para mellora da mobilidade transversal e unha mellor accesibilidade á nova senda.

Esta actuación conta con financiación dos fondos europeos Feder React-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Mediante esta nova intervención, a Xunta habilita ao longo de practicamente toda a lonxitude da PO-402 un novo espazo para o tránsito peonil seguro nesta zona con vivendas a ambas as marxes da estrada, coa senda que xa chega ao cemiterio de Oleiros e as beirarrúas existentes en Leirado.

Con esta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude do Concello, completando así outras importantes actuacións de mellora da mobilidade peonil executadas nos últimos anos que permitiron unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.