O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asinaron convenios cos consellos reguladores

Máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas beneficiaranse da simplificación tecnolóxica impulsada pola Xunta para declarar a colleita de uva

No marco do acordo asinado hoxe coa Consellería do Medio Rural, os viticultores non terán que acudir ás oficinas agrarias comarcais senón que poderán declarar a colleita a través dos respectivos consellos reguladores


 A medida xa se impulsara de xeito piloto o ano pasado, beneficiando primeiramente os 5.000 viticultores da denominación de orixe Rías Baixas
 

En 2021, no conxunto das cinco denominacións vitivinícolas galegas recolléronse preto de 74 millóns de quilos de uva, converténdose na colleita máis abondosa do decenio e na segunda máis abondosa da historia, despois da de 2011
 

 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 Os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe (DO) do viño galegas beneficiaranse este ano da simplificación tecnolóxica impulsada pola Xunta para declarar a colleita de uva, que xa probaran de xeito piloto en 2021 os produtores de Rías Baixas. Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asinaron hoxe os respectivos convenios de colaboración cos presidentes dos consellos reguladores.

Os asinantes do acordo puxeron de relevo as vantaxes da medida, que ademais da denominación de orixe Rías Baixas, beneficiará agora as de Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. En concreto, as principais modificacións están orientadas a simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación dos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais.

Deste xeito, estas declaracións poderán efectualas directamente ditos consellos reguladores ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), previa autorización dos viticultores implicados. Nestes casos as persoas viticultoras entregarán a súa autorización á bodega ou bodegas que empreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir ditas autorizacións ao consello regulador correspondente.

No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción, o Consello Regulador en cuestión encargarase de recadar das adegas a información precisa de entregas de uva co obxecto de proceder á remisión e validación da colleita. Os viticultores, pola súa parte, recibirán un borrador desa validación ao que deberán dar conformidade nun prazo máximo de 10 días naturais.  

Unha vez validada a colleita, os consellos reguladores subministrarán ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, antes do 10 de decembro deste ano. Así mesmo, porá en coñecemento desta entidade dependente da Consellería do Medio Rural o listado de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa denominación.

Cómpre engadir que á sinatura do convenio acudiron, xunto co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, os presidentes dos consellos reguladores das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Juan Gil de Araújo, de Rías Baixas; José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra; Juan Manuel Casares, de Ribeiro; José Luis García, de Valdeorras; e Lara Da Silva, de Monterrei.

Vendima 2021
Cabe destacar que nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas recolléronse o ano pasado un total de 73.620.544 quilogramos de uva, un 22% máis que na campaña anterior e un 23% de aumento respecto da media do último decenio. Nesa liña, tratouse da colleita máis abondosa do decenio e da segunda máis abondosa da historia, despois da de 2011.

Así, do total de uva recollida, máis de 62,5 millóns corresponderon a variedades brancas e os 11 millóns restantes a castes tintas. Por denominacións, a de Rías Baixas ocupou de novo o primeiro lugar en volume de produción, representando o 60% da uva total vendimada con 43,8 millóns de quilos de uva recollidos, o que supuxo un incremento dun 27% con respecto a 2020. Seguiuna a do Ribeiro con 9,9 millóns de quilos (incremento do 5% con respecto a 2020) e a continuación a de Valdeorras con algo máis de 7,1 millóns (incremento do 28%), Ribeira Sacra con 6,5 millóns (suba do 25%) e Monterrei con 6,2 millóns de quilos de uva recollidos (aumento do 9% respecto do ano 2020).

Imaxes relacionadas