A Xunta amplía as prazas no centro de día público autonómico da Pobra do Caramiñal ata chegar ás 30

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 5 de xullo de 2022 A Xunta ampliou as prazas de atención no centro de día público autonómico da Pobra do Caramiñal ata chegar ás 30. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións onde sinalou que con esta ampliación, increméntase a capacidade de atención deste centro que leva seis anos ofrecendo coidados, agarimo e atencións aos veciños da comarca do Barbanza.

En concreto, poranse en marcha dez novas prazas que se suman ás 20 que xa estaban en funcionamento. Deste xeito, o investimento anual nestas instalacións ascenderá ata os 272.000 euros. Fabiola García puxo en valor o traballo dos profesionais deste centro de día para mellorar a calidade de vida das persoas maiores da zona con terapias, actividades para unha vida activa e atención. 
 

A conselleira lembrou que o Goberno galego aposta por aqueles servizos de proximidade que permitan que as persoas maiores poidan recibir atención ao tempo que seguen vivindo nas súas casas e no seu lugar de sempre. A Xunta multiplicou por catro o número de prazas financiadas con fondos públicos desde o ano 2009 ata chegar ás preto de 3.900 que existen na actualidade.

 
Rede sólida de coidados
Fabiola García destacou que o Goberno galego segue incrementando o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que achega coidados profesionais ás casas de máis de 24.000 galegos; así como de outros programas de proximidade como o Xantar na casa, que achega menús sans e equilibrados aos fogares dos galegos que viven sos; ou o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a todos os concellos de Galicia.
 

 

Imaxes relacionadas