A Xunta incide en que o Goberno central ten ‘a chave’ para resolver o problema de déficit de especialistas que afecta a todos os servizos de saúde de España

O conselleiro de Sanidade explicou que o manifesto remitido onte, xunto coa conselleira de saúde vasca, e ao que xa se teñen sumado Cataluña ou Andalucía, responde á urxente necesidade de medidas estatais


García Comesaña solicita dilixencia e cogobernanza real ao Ministerio de Sanidade ao ser quen pode desbloquear esta situación
 

A revisión da normativa de acreditación de centros e unidades docentes en medicina de familia é un acordo pendente de cumprimento desde o ano 2018
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou esta mañá que o motivo do manifesto remitido onte conxuntamente por Galicia e Euskadi ao Ministerio de Sanidade, e ao que xa se teñen sumado Cataluña ou Andalucía, responde a que soamente o Goberno central ‘ten a chave’ e as competencias para resolver o problema da falta de médicos que afecta ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

O titular de Sanidade reiterou que é preciso “o desbloqueo de medidas” por parte do Ministerio de Sanidade, destacando que esta posición é compartida por diversos gobernos autonómicos de distinto signo político.

“Pedimos ao Goberno de España dilixencia no que é o maior problema que a Sanidade española ten hoxe”, remarcou García Comesaña; ao tempo que incidiu en que “este é o momento da cogobernanza real e de acordar medidas nacionais para un problema nacional”.

Durante a súa intervención, o conselleiro debullou o contido do manifesto que o departamento dirixe lle remitiu onte á Ministra de Sanidade, Carolina Darias; e no que instaba ao Goberno central a exercer as súas competencias e achegar solucións ás autonomías no que atinxe a falta de persoal médico.

En relación con este documento, tamén asinado pola conselleira de Saúde do Goberno vasco, Gotzone Sagardui; García Comesaña lamentou “a falta de medidas por parte de quen ostenta as competencias exclusivas en materia de formación sanitaria especializada”.

Así, enumerou o conxunto de medidas trasladas ao Goberno central para paliar o déficit de facultativos. Nomeadamente, apuntou que é preciso cambiar o sistema de elección de prazas MIR para evitar o risco de que queden prazas vacantes; crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, para que as prazas formativas de medicina de familia se aproveiten para formar médicos de familia; contar cun Rexistro estatal de Profesionais Sanitarios que permita planificar as necesidade futuras; ou renovar a normativa que regula as acreditacións de prazas formativas para flexibilizala -un acordo pendente de cumprimento desde o ano 2018- e cuxa adaptación permitiría acreditar un maior número de prazas nos vindeiros anos.

A pesar de que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas formativas que ten dispoñibles, e ademais solicitar unha ampliación continúa do seu número en cada convocatoria, “solucionar os problemas do déficit de profesionais excede as competencias da Xunta”.

Nesta liña, apuntou que “o actual sistema regulado polo Estado no dá máis si”, cualificándoo de “excesivamente ríxido” e apuntando que outro tipo de sistema non provocaría que 200 prazas quedasen sen cubrir en toda España, como aconteceu este ano, ou que as 64 novas prazas formativas que Galicia conseguiu acreditar, a comezos deste ano, teñan que agardar ata a vindeira convocatoria MIR para cubrirse.

“Reclamamos que se que se eliminen os atrancos que nos impiden exercer as nosas competencias, e así proceder a financiar con fondos autonómicos a formación de máis especialistas que nutran á atención primaria ”, remarcou o conselleiro.

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento da Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, explicou que agora mesmo non hai profesionais dispoñibles nas listas de contratación de Medicina de familia de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

Porén, indicou que “non podemos ofrecerlle a nosa plantilla máis profesionais cos que repartir o seu traballo, pero si esta na nosa man retribuír mellor ese esforzo”. Neste sentido, destacou o acordo unánime ao que o Sergas chegou a pasada semana coas coas organizacións sindicais e no que se inclúe un conxunto de medidas de recoñecemento para aqueles profesionais que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente, ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade

“Son medidas que sabemos que non solucionan o problema de déficit de especialistas, só compensan o esforzo extraordinario que está a facer o noso persoal”, concluíu.

Medidas adoptadas pola Xunta dentro das súas competencias
Entre as medidas organizativas adoptadas pola Xunta ao abeiro das súas competencias e con ánimo de aliviar a sobrecarga que sofren estes profesionais, cómpre destacar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma que lle ofreceu aos médicos de familia que rematan a súa residencia un posto fixo en propiedade a través da convocatoria de 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria.

Sobre esta convocatoria, que xa conta con case 350 inscritos, e coa que se procura atraer aos profesionais ás prazas de difícil, García Comesaña aclarou que “estes 350 aspirantes non son profesionais que estean na rúa dispoñibles para contratar. Son profesionais xa contratados, ou no sistema galego ou noutros autonómicos”. Así, engadiu que neste intres “só hai 106 dispoñibles porque son os 106 MIR que rematan familia este ano”.

Ademais desta liña de captación de profesionais para prazas de difícil cobertura, o departamento sanitario da Xunta adoptou outras medidas organizativas para tratar de diminuír a carga asistencial diaria dos profesionais médicos, como son: a implantación de axendas de calidade para programar mellor a atención, a posta en marcha do sistema XIDE para distribuír a demanda; a aprobación de Plans Locais de Saúde para dar maior autonomía aos centros na organización, ou potenciar as competencias do persoal enfermería e farmacia.

 

Imaxes relacionadas