A Xunta solicita a participación das Comunidades Autónomas no Pacto de Estado pola industria

Ourense, 4 de xullo de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe ao Goberno que as comunidades autónomas poidan participar na redacción do Pacto de Estado pola Industria para garantir que dá resposta aos obxectivos e necesidades de cada territorio.

 

Durante a súa intervención na Conferencia sectorial de Industria e da Peme, Conde salientou que a proposta de Galicia é poder traballar para enriquecer o texto e establecer un marco de colaboración co Goberno e os axentes económicos e sociais que garanta unha xestión eficiente dos fondos europeos.


Segundo dixo, o Pacto de Estado pola Industria debe dar resposta aos obxectivos e proxectos que cada comunidade aspira a poñer en marcha no marco dos fondos europeos que, incidiu, deben ser unha oportunidade.

 

Para iso, abondou, o que Galicia demanda é que as comunidades autónomas poidan ser protagonistas da política industrial. “Que a través dos instrumentos que se establezan no pacto, as comunidades poidamos, tamén atender os nosos obxectivos”, concluíu Conde.

Imaxes relacionadas