A Xunta contribúe á rehabilitación da carabela “A Pinta” no marco do proxecto Exploraterra ao que achega 300.000 euros

A representante autonómica destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico”

Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural, que inclúe ademais da reforma da carabela, un novo espazo dixital na Casa da Navegación de Baiona e unha exposición e un documental baseado na temática do proxecto
 

Baiona (Pontevedra), 4 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na presentación do novo equipamento museístico da carabela A Pinta que, tras someterse a unha reforma integral no marco do proxecto europeo Exploraterra, está xa de regreso no embarcadoiro Cristobal García Sarmiento.

 

Segundo informou, a rehabilitación levouse a cabo no marco da iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, e que conta coa participación da Xunta entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

 

Neste sentido, a representante autonómica acentuou a importancia de impulsar iniciativas que contribúan a “preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural” e destacou a especial vinculación de Galicia á era das grandes expedicións marítimas cun “importante protagonismo histórico”.

Segundo informou Fernández-Tapias, Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural cunha achega de preto de 300.000 euros destinada a un conxunto de accións que se desenvolven no marco do Exploraterra, e que inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.

 

Referiuse así ao ambicioso programa cultural do proxecto Exploraterra como un complemento turístico máis para unha vila que, atravesada polo Camiño Portugués da Costa, enriquece así a súa oferta para os turistas e peregrinos que este ano se acheguen ata Baiona coincidindo co Ano Santo. 

 

Imaxes relacionadas