O titular do Goberno galego visitou a illa de Ons con motivo do 20 aniversario do parque

Rueda destaca o compromiso da Xunta co Parque Nacional das Illas Atlánticas ao destinar máis de 6 M€ ata 2023 para a conservación deste espazo natural

Subliña que o programa de actuacións recolle a conservación e mellora da biodiversidade, a recuperación da vexetación autóctona, medidas para a eficiencia enerxética ou a renovación de infraestruturas e servizos

Pon en valor as actividades de protección do medio ambiente que levan a cabo os mozos e mozas que participan nos campamentos de verán

Salienta que a xestión turística das illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora é un exemplo de sostibilidade: “Volver dentro de 20 anos e atopar a mesma paisaxe será a mellor proba de que o fixemos ben”, dixo o presidente da Xunta
 

Bueu (Pontevedra), 4 de xullo de 2022

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe o firme compromiso da Xunta co Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ao destinar máis de 6 millóns de euros ata o ano 2023 para contribuír a conservar este espazo natural.

 

Nunha visita á illa de Ons, para conmemorar o 20 aniversario do recoñecemento do conxunto destas illas como Parque Nacional, Alfonso Rueda puxo a súa xestión como exemplo de sostibilidade grazas ao traballo que nas dúas últimas décadas se levou a cabo a través do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX). “As Illas Atlánticas son un exemplo do modelo turístico que queremos impulsar desde a Xunta -indicou-. Un destino privilexiado do que Galicia pode presumir e que hai que coidar entre todos”.

 

Ademais, Alfonso Rueda visitou a primeira quenda do campamento Illa marabilla, que se está a celebrar no lugar ao abeiro da campaña de verán promovida polo Goberno galego. Mozos e mozas de 9 a 13 anos desfrutan da natureza con actividades de lecer como kaiak, snorkel ou orientación mentres realizan outras accións para apoiar a conservación e coidado da flora e da fauna. Estas achegas dos máis novos tamén son, como dixo o presidente da Xunta, “unha peza clave na conservación do patrimonio natural galego”.

 

Con ese obxectivo, o titular do Goberno galego indicou que a inversión de 6 millóns de euros entre este ano e o seguinte permitirán levar a cabo unha serie de actuacións nas Illas Atlánticas como a conservación e mellora da biodiversidade, a recuperación da vexetación autóctona, medidas para a eficiencia enerxética ou a renovación das infraestruturas e servizos. No caso da illa de Ons, ademais, vaise reformar e actualizar todo o sistema de depuración de augas residuais e a rede de abastecemento de auga potable, obras que, segundo avanzou Rueda, van comezar no mes de setembro cun orzamento de 800.000 euros.

 

Tamén a mediados de setembro, unha vez finalizada a temporada alta turística, vanse retomar os traballos arqueolóxicos na illa de Ons. “As Illas Atlánticas non son só turismo, son tamén historia e patrimonio cultural -indicou o presidente da Xunta-. Grazas a unha investigación realizada no ano 2021 sabemos que a terra que hoxe pisamos xa estaba habitada hai máis de 20 séculos”. A recuperación das escavacións permitirá afondar no coñecemento dos antigos asentamentos humanos que había na única illa do parque que hoxe en día segue habitada.

 

Ons, ademais, é un dos Bens de Interese Cultural beneficiados polos fondos Next Generation dentro dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), cunha inversión de 1,4 millóns de euros para a mellora das infraestruturas básicas e da súa accesibilidade, a reordenación do mobiliario público e a disposición de sinaléctica.

 

Singularidade das Illas Atlánticas

 

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas comezou a súa andaina en xullo do ano 2002 co reto de garantir un equilibrio entre a protección dos seus valores naturais cun uso público sostible. A ausencia de tráfico rodado, a súa natureza característica, o feito de que as illas sexan un refuxio para aves e unha reserva para a flora autóctona, sumado ás súas praias paradisíacas e ás súas augas cristalinas, fan do parque un destino turístico singular e único, como teñen recollido prestixiosas publicacións internacionais.

 

A intención do Goberno galego é seguir traballando na conservación do parque e na protección dos seus recursos, un éxito de xestión turística que permitiu que no que vai de ano o número de visitas, con máis de 109.500 persoas ata o mes de xuño, estea xa a niveis prepandemia. Para o presidente da Xunta, é resultado dunha xestión que permite “compaxinar o coidado medioambiental co desenvolvemento turístico”. Alfonso Rueda dixo que as Illas Atlánticas eran “catro anacos do paraíso” que os galegos están obrigados a coidar. “Volver dentro de 20 anos e atopar a mesma paisaxe será a mellor proba do que fixemos ben”, subliñou o presidente da Xunta. 

Imaxes relacionadas