A Xunta destina case 520.000€ á mellora da cuberta da da biblioteca do CIFP Universidade Laboral de Culleredo

Trenor visitou o centro, no que tamén se levará a cabo a renovación do sistema de iluminación e pintado de paredes e recuperación do mobiliario existentes desta parte do centro

Culleredo (A Coruña), 4 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou está mañá o CIFP da Universidade Laboral de Culleredo para anunciar a licitación  da mellora da cuberta da espectacular biblioteca do centro por un importe de case 520.000 euros.

Trenor explicou que as obras consistirán na rehabilitación integral e recuperación de toda a cuberta incluíndo a renovación da carpintería do espazo da capela. Tamén se levará a cabo a renovación de todo o sistema de iluminación deste edificio e o pintado das paredes interiores e exteriores xunto coa recuperación do mobiliario existente.
 

Estas actuacións, segundo sinalou o representante autonómico, enmárcanse dentro do conxunto de obras, de maior ou menor envergadura, que o Goberno galego está a executar nos centros escolares dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios para adaptarse ás directrices marcadas polo plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que avanza cara unha arquitectura educativa ao servizo do labor docente, traendo tamén a un primeiro plano o confort do alumnado e persoal dos centros.

Durante a visita, o delegado da Xunta salientou o compromiso do Executivo autonómico coa mellora da eficiencia enerxética dos centros de ensino, así como coa supresión de barreiras arquitectónicas e coa accesibilidade de persoas con mobilidade reducida en todos os centros educativos.

Imaxes relacionadas