A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordou con representantes municipais o impacto na Galicia interior das futuras concesións estatais

A Xunta e os Concellos afectados acordan pedirlle ao Goberno de España a retirada do novo mapa de concesións de autobús, que deixa a máis de 136.000 galegos sen parada e supón un ataque ao rural

Vázquez Mourelle adianta que o mércores trasladará na Conferencia Nacional de Transportes a oposición de Galicia ao deseño das novas rutas, que elimina as paradas de autobús estatal en 23 municipios da Comunidade

Lamenta que se suprima un 47% das rutas, se rebaixen nun 74% os municipios con parada e se reduzan nun 31% os km que percorre de media cada vehículo

A Xunta e os concellos apuntan o impacto negativo da supresión de paradas de autobús no Camiño de Santiago e a obriga aos usuarios a facer transbordos, en detrimento da calidade dos servizo

A conselleira destaca que o mapa está deseñado para contornos metropolitanos, ignorando as necesidades do rural e atendendo só a criterios economicistas

Apunta a incoherencia de reducir a oferta e a calidade do transporte público no momento en que máis o necesitan os cidadáns polo incremento do prezo dos combustibles

Contrapón a aposta da Xunta, cun investimento anual de máis de 80 M€ que permitiu duplicar as liñas de transporte público e ofrecer autobús gratis aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022

A Xunta e os concellos afectados acordaron hoxe pedirlle ao Goberno de España a retirada do novo mapa estatal de concesións de autobús, que deixa a máis de 136.000 galegos sen parada e supón un ataque ao rural.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse cos alcaldes e representantes dun grupo de municipios para abordar o mapa estatal de concesións de transporte de viaxeiros por estrada.
 
Vázquez Mourelle sinalou que unha vez acadada unha postura común, a Xunta solicitará o mércores na Conferencia Nacional de Transportes a retirada deste mapa, xa que todos os galegos teñen dereito a un transporte público de calidade que garanta a igualdade de oportunidades e que contribúa a reducir emisións e o consumo de combustible.
 
Criticou que o novo mapa suprime un 47% das rutas, rebaixa nun 74% os municipios con parada e merma nun 31% os km que percorre de media cada vehículo.
 
Fixo fincapé na concepción meramente economicista dun servizo público e nos datos alarmantes que se desprenden do novo mapa de rutas de autobús estatal, que suprime paradas en 23 municipios que suman unha poboación de 136.000 persoas. Segundo indicaron varios alcaldes, tendo en conta que esas paradas son empregadas por veciños dos municipios veciños, o conxunto de persoas afectadas é superior.
 
A Xunta e os representantes municipais tamén puxeron de relevo o forte impacto deste recorte nos Camiños de Santiago, onde varias poboacións quedarán sen paradas. A ese respecto, tamén apuntaron a supresión de 76 servizos interiores e de deixar de prestar de xeito directo 1.100 rutas de autobús, o que supón que os viaxeiros se verán obrigados a facer transbordos, en detrimento da calidade do servizo.
 
Lamentou esta iniciativa estatal nunha comunidade como a galega, cunha enorme dispersión e cun notable envellecemento, que fan preciso o incremento da capilaridade do transporte.
 
Subliñou que este mapa está deseñado unicamente para os grandes contornos metropolitano e ignorando as necesidades do rural, recortándolle servizos e, en consecuencia, afondando nos motivos do seu despoboamento.
 
Neste sentido, o Goberno galego vén manifestando a oposición frontal a este novo mapa concesional, unha postura que é compartida con outras comunidades autónomas como Castela e León, Aragón ou Andalucía.
 
A titular de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego apuntou a incoherencia que supón reducir a oferta e a calidade do transporte público no momento en que máis o necesitan os cidadáns polo incremento do prezo dos combustibles.

 

Fronte a esta proposta do Goberno central, a Xunta vén apostando polo transporte público, ao renovar todas as concesións de autobús interurbano de Galicia para facelo máis moderno e útil para a cidadanía.

 

A conselleira lembrou que grazas ás novas modalidades de autobús compartido e transporte baixo demanda duplicouse o número de liñas en todas as provincias e mesmo multiplicándoas por 6 no caso de Lugo.

 

Ethel Vázquez salientou que o Goberno galego destina un investimento anual de máis de 80 M€ ao transporte público, permitindo medidas pioneiras como ofrecer autobús gratis aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova.

 

Concluíu que dada a importancia do transporte público en Galicia, a Xunta non pode aceptar o novo mapa estatal de concesións de transporte público nin o anteproxecto de Lei de mobilidade sostible. Criticou que esa norma responde ao mesmo modelo que prioriza a mobilidade metropolitana e prima os criterios económicos fronte á rendibilidade social e o equilibrio territorial e condena a morte os servizos ferroviarios de media distancia.

Imaxes relacionadas