A Xunta declara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Fonteo en Baleira

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 117 propietarios e afecta a unha superficie total de 147 hectáreas

Con esta zona serán un total de cinco os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello de Baleira, cunha superficie global de 3.684 hectáreas e un total de 885 propietarios beneficiados
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de declarar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Fonteo, no concello lugués de Baleira.

 

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta a unha superficie de 147 hectáreas distribuídas en 199 predios de substitución cunha superficie media por leira de 7.304 m², fronte aos 2.697 m² de superficie media das 544 parcelas iniciais. Esta mellora, que beneficia 117 propietarios, permítelle ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción.

 

Tras esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade.

 

Con esta zona serán un total de cinco os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello de Baleira. Así, xunto co proceso de Fonteo a piques de rematar, reordenouse a propiedade en Esperela, Pousada, Librán e A Braña, esta última tendo entregado os títulos de propiedade recentemente. Estes procesos representan unha superficie global de 3.684 hectáreas cun total de 885 propietarios beneficiados.

 

Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 12 millóns de euros, co fin de pechar administrativamente os 94 procesos que a día de hoxe están abertos.

Departamento:
C. do Medio Rural