Galicia espera unha ocupación media do 75-90%, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia

As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros

As provincias de Pontevedra e A Coruña agardan acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións de ata do 90%

Destaca a previsión na costa da Morte polo incremento na chegada de peregrinos, o mesmo que ocorre en Ferrol polo incremento de persoas no Camiño Inglés e en Palas de Rei e Sarria, por ser localidades de paso do Camiño Francés

En Ourense, o feito de que a alta velocidade sexa por fin unha realidade impulsa o turismo na cidade das burgas que espera unha ocupación media do 80%

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022 Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros.

Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto. Pola súa parte, en Sanxenxo prevese que a ocupación se mova na contorna do 75% en xullo, mes moi dependente da climatoloxía e no que priman as reservas de última hora, mentres que en agosto as previsións elévanse ao 85-90%.

Os hoteis da cidade da Coruña estiman que as ocupacións se sitúen entre o 85 e o 90% este verán e nos establecementos de maior categoría estase a reincorporar o visitante internacional. En Santiago de Compostela, agárdanse ocupacións entre o 70 e o 75%, cun pico na ponte das Festas do Apóstolo. Pola súa parte, a previsión xeral para a Costa da Morte sitúase entre o 80 e o 90%, achegándose á plena ocupación na primeira quincena de agosto. Estase a rexistrar un notable incremento no número de peregrinos e peregrinas.

Os aloxamentos de Ferrol amósanse optimistas para este verán. Espérase unha boa ocupación en xullo e agosto, especialmente entre o 24 de xullo e o 16 de agosto. Obsérvase un notable incremento das persoas que transitan polo Camiño Inglés. Na provincia de Lugo impera o optimismo, especialmente para a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto. As ocupacións esperadas cífranse entre o 75 e o 90%, porcentaxes que se elevan en localidades do Camiño Francés como Palas de Rei ou Sarria.

A ralentización no ritmo das reservas e a situación económica fan que o sector turístico da Ribeira Sacra sexa cauto á hora de facer previsións, estimando unha ocupación do 60% en xullo, se ben esta se eleva por riba do 70% nas fins de semana.

Por último, o feito de que a alta velocidade sexa por fin unha realidade impulsa o turismo en Ourense, de forma que se espera unha ocupación media do 80%. En todo caso, se ben o AVE acerca aos turistas á cidade das Burgas, tamén permite incrementar o número de excursionistas, persoas que se achegan a pasar exclusivamente unha xornada, sen facer noite.
 
Ocupación primeiros meses do ano
Nos primeiros cinco meses deste ano Galicia rexistrou preto de 1,7 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 2,9 millóns de noites no conxunto dos establecementos de aloxamento como hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings, turismo rural e albergues. Así, Galicia superou por vez primeira na serie histórica a barreira de 2,9 millóns de noites no mes de maio.
 
No que se refire á entrega de Compostelas, dende o mes de febreiro estanse batendo récords de chegada de peregrinos e hoxe mesmo xa son preto de 159.000.

 

 

Imaxes relacionadas