Rueda destaca a aposta da Xunta polo turismo termal cunha liña de axudas de máis de 800.000 euros para que os concellos beneficiados melloren estes espazos de lecer e benestar

Salienta que as subvencións chegarán a catro concellos para facer melloras en sete instalacións

Na reapertura das termas do Pozo de Teáns reivindica un espazo singular cun gran potencial para o turismo. “Somos unha potencia en termalismo e temos aínda moito camiño por andar e por desenvolver, facendo as cousas como se están facendo ata agora”

Salvaterra do Miño (Pontevedra), 3 de xullo de 2022

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta da Xunta polo turismo termal cunha liña de axudas de máis de 800.000 euros para que os concellos beneficiados poidan mellorar estes espazos de lecer e benestar.

Nunha visita ás termas de Pozo de Teáns, coincidindo coa reapertura destas instalacións en Salvaterra do Miño, Rueda anunciou que esta nova liña de axudas permitirá realizar melloras nas termas das Burgas, a Burga do Canedo e A Chavasqueira (Ourense), na área termal do Bañiño (Punxín), nas de Barbantes (Cenlle), e nas de Teáns, “un espazo singular con gran potencial para o turismo”, indicou o presidente da Xunta, en referencia ao conxunto de termas ao aire libre máis grande de Galicia ao que o Goberno galego concedeu tamén unha axuda de 62.500 euros para a adquisición de maquinaria e mellora dos espazos verdes.

O presidente galego destacou que Galicia é a maior potencia termal de España e unha das principais de Europa, con máis de 300 reservas de augas mineromedicinais. “O termalismo é unha pequena xoia que, ás veces, non se lle da a importancia que merece”, dixo. A Comunidade conta con 21 balnearios -seis con distintivo Q de Calidade-, once espazos termais e tres centros de talasoterapia. “Somos unha potencia en termalismo e temos aínda moito camiño por andar e por desenvolver, facendo as cousas como se están facendo ata agora”, afirmou.

Nese obxectivo encádrase a nova liña de axudas por valor de 800.000 euros, pero tamén o plan de vilas termais e cascos históricos, que contará con 21,1 millóns de euros, ou con iniciativas específicas para atraer a cidadanía, como o Programa Verán, Outono Termal ou Elixe Galicia.

Na súa aposta por manter e potenciar o liderado de Galicia no turismo termal, a Xunta completou, recentemente, a sinalización turística das vilas termais nas nosas estradas galegas, ademais de desenvolver unha lexislación específica e pioneira en España que regula o aproveitamento lúdico das augas termais. Tamén vén de crear unha área específica de termalismo que estará situada na provincia de Ourense, unha das que máis fontes termais ten en toda Europa.

O titular do Executivo galego recordou que o termalismo “é un dos motores turísticos de Galicia”, como o demostra o feito de que cada ano uns 150.000 usuarios visiten as instalacións termais da Comunidade, o que se traduce nun volume de negocio ao redor dos 60 millóns de euros e 1.400 empregos directos.

Imaxes relacionadas