A Xunta investirá en 2023 máis de 1,2 M€ nas axudas para impulsar nas empresas de inserción a contratación de preto de 145 persoas en risco de exclusión social

A Administración galega aumentará nun 25% estes apoios dirixidos á contratación e a favorecer a creación de empresas de inserción

A economía social segue a ser o vindeiro ano un eixo prioritario para o Goberno autonómico ao que destinará preto dun terzo do orzamento total da área de Emprego

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade incrementará na convocatoria deste ano as axudas para apoiar ás empresas de inserción que, deste xeito, crecen con respecto a 2022 nun 25% chegando, así, aos 1.240.000 euros. En concreto, con estes apoios financiase a contratación de persoas en risco de exclusión social, estímase que dunhas 144 o vindeiro ano, e a creación de novas entidades deste tipo.

Esta iniciativa forma parte do orzamento global que o Goberno galego destinará o próximo ano a crear e fomentar o emprego na economía social. Sumará en total máis de 42,3 millóns de euros, un 20,82% máis que en 2022. A economía social, deste xeito, segue a ser en 2023 un eixo prioritario para o Goberno galego, xa que preto dun terzo do orzamento total da área de Promoción do Emprego irá destinado a este fin.

A liña de axudas que se convocará nas vindeiras semanas pretende ofrecer ás persoas contratadas formación e emprego na empresa de inserción durante un máximo de tres anos para facilitarlles a súa integración no mercado de traballo. Para optar a estas axudas, cada empresa de inserción deberá ter como mínimo un 30% dos seus postos de traballo ocupados por persoas en situación de exclusión. Apoiaranse contratacións superiores aos 6 meses e xornadas laborais por enriba do 50%.

O programa da Xunta prevé o financiamento dos custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Ademais, inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar as persoas técnicas en orientación que apoien aos traballadores en situación de exclusión social.

A Xunta leva executados desde 2016 a través deste programa de axudas máis de 4,1 millóns de euros destinados á inserción laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social. Nestes últimos sete anos resultaron beneficiarias destes apoios un total de 565 persoas traballadoras.

A economía social ten demostrado a súa capacidade para xerar emprego tendo un papel destacado na economía galega, xa que representa o 7% do seu PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros. É, polo tanto, un motor necesario para levar a cabo unha reactivación económica social, sostible e participativa. Do que se trata é de promover e visibilizar este modelo de negocio que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio. En total, este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras nas máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía.