Artesanía de Galicia participa na segunda edición do evento “un mercado en cada porto” que mañá comeza en Poio

A Xunta colabora na organización de varios mercados de artesanía que se celebrarán nos meses de xullo e agosto en diferentes localidades costeiras de Galicia, dedicado ás mulleres artesás galegas

A primeira das feiras celébrase mañá domingo na praia de Lourido (Poio), en horario de 11:00 a 20:00 horas

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– participa na segunda edición do evento Un mercado en cada porto, dedicado a lle dar protagonismo ás mulleres artesás de Galicia. A Xunta colabora coa empresa Onyvá Eventos na organización dunha serie de mercados de artesanía que se celebrarán este verán en diferentes localidades costeiras galegas.

A primeira parada deste evento terá lugar mañá domingo no paseo da praia de Lourido (Poio), en horario de 11:00 a 20:00 horas, e no que participarán diferentes obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Un mercado en cada porto: mulleres artesás de Galicia é unha homenaxe ás antecesoras artesás.

Trátase dun mercado itinerante, liderado por mulleres creativas, que leva vinculada unha mostra fotográfica de retratos de redeiras, colareiras, palilleiras, cesteiras, oleiras e outros colectivos, mulleres que tomaron o relevo das súas avoas para seguir dándolle vida aos traballos máis ancestrais da cultura galega. Despois de Poio, Un mercado en cada porto ten previsto pasar pola Praza do Curro de Portosín, o 10 de xullo; pola Alameda de Rianxo nas festas do Carme, o 17 de xullo; polo porto de Fisterra, o 25 de xullo; por Malpica, o 31 de xullo; e pola dársena da Coruña, o 28 de agosto.

Co apoio a este tipo de iniciativas a Xunta busca potenciar a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia, así como contribuír á posta en valor e á divulgación dos oficios artesanais e dos valores do feito á man.