O conselleiro de Cultura visita o festival Resurrection Fest que se celebra en Viveiro

Román Rodríguez agarda que este verán sexa a confirmación definitiva da recuperación do sector e da programación cultural

A Xunta apoia a celebración de máis de 700 eventos en toda Galicia como o Resurrection Fest, que se leva a cabo ata o domingo en Viveiro

O responsable autonómico de Cultura salienta o impacto económico de case 40 M€ que xeran os festivais de música, segundo un estudo realizado polo Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela

Agradece o esforzo feito polos organizadores o pasado ano para non deixar que a cultura se detivese pola pandemia e posicionar á Mariña como un referente europeo neste xénero musical

Viveiro (Lugo) 2 de xullo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Resurrection Fest, unha das principais citas do calendario de festivais musicais de Galicia, onde se referiu ao verán que acaba de comezar como o momento da reactivación da industria cultural e a recuperación da programación en toda a xeografía galega.

Durante a visita Román Rodríguez destacou que este verán en Galicia haberá oferta cultural moi “variada, diversificada e espallada polo conxunto do territorio” que este ano contará cun impulso especial grazas ao Xacobeo. “A programación que apoia o Goberno galego inclúen preto de 800 eventos que este ano se incrementan coas actividades específicas do Xacobeo e que están convertendo a Galicia nun referente da industria cultural”, salientou.

Dentro desta programación, unhas das citas máis importantes son os festivais musicais, como o que se celebra ata o domingo en Viveiro, pola súa influencia na economía e desenvolvemento do territorio funcionando como “auténticos polos de atracción turística e cultural”. Proba desta importancia é que, tal e como sinalou, os festivais xeran un impacto socioeconómico de case 40 M€ segundo o informe sobre a repercusión de 13 citas musicais elaborado polo Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.

Por outra banda, o conselleiro eloxiou o esforzo feito pola organización do Resurrection Fest o pasado ano para reencontrase co público nun formato especial e adaptado ás circunstancias sanitarias. “A pandemia limitou a celebración deste tipo de eventos, pero o sector fixo un gran traballo para que a cultura non se detivese e seguir ofrecéndolle ao público propostas seguras”, afirmou o conselleiro.

Neste senso, celebrou que este festival con máis de 120 artistas participantes nesta edición, “sexa un exemplo en moitos sentidos e tamén un referente europeo neste xénero musical”. Ademais do patrocinio como cita destacada dos Concertos Xacobeo, este festival forma parte do programa de subvencións a festivais de música que convoca cada ano a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

A estas axudas súmanse outras liñas de apoio específicas para o sector musical, entre as que salientou as novas dirixidas ao talento que supoñen unha inxección directa de 1,2 M€ para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais. “É unha medida sen precedentes no sector, que resultou do proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais e agrupa as principais compañías e axencias artísticas galegas permitindo o impulso dunha vintena de carreiras musicais artísticas”, engadiu.

Máis demanda cultural

No transcurso da visita ao Resurrection Fest, Román Rodríguez tamén se amosou optimista ante a recuperación da totalidade das actividades culturais e recordou datos do último Barómetro elaborado polo Consello da Cultura galega que sitúan a Galicia como unha das catro comunidades autónomas nas que se está incrementando o número de traballadores no sector. O estudo tamén prevé o aumento dos ingresos xunto co da demanda de produtos culturais. “E esperamos que despois dunha intensa actividade nos últimos meses, tamén sexan moitos os que participen en todas as actividades deseñadas para o verán”, expresou.

Recordou igualmente que, xunto ás diferentes actividades musicais, a oferta apoiada pola Xunta para o período estival inclúe os espectáculos de Cultura no Camiño, actividades dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, concertos enmarcados na Rede Galega de Música ao Vivo e festivais de artes escénicas, entre outras iniciativas

Convocatoria aberta ata o 22 de xullo

Así mesmo, explicou que no marco do compromiso cos eventos musicais, a Xunta vén de convocar a quinta edición da marca FEST Galicia, á que os festivais poden adherirse ata o 22 de xullo. Dáse continuidade a unha iniciativa que naceu para promover a industria cultural galega, acollendo festivais que funcionan de xeito profesional e se preocupan de lle achegar valores engadidos á experiencia musical.

Este programa de apoio conta cunha dotación de 220.000 euros para contratos de patrocinio con empresas promotoras de eventos musicais que se desenvolvan entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano e busca poñer en valor a capacidade destes encontros para atraer visitantes e avanzar na proxección de Galicia como destino musical de calidade, na vertebración do territorio, e na adopción de boas prácticas que sirvan como referencia ao sector.

PERTE cultural como oportunidade

Por último, Román Rodríguez lembrou que a industria musical tamén está moi presente nas propostas que a Xunta de Galicia vai remitir este mes de xullo ao Goberno central solicitando un PERTE cultural que recoñeza a importancia deste sector na economía. Así entre os 19 proxectos figuran algúns vinculados directamente co mundo da música como Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia que incluirá un amplo programa cultural centrado no folclore; Sons e ritmos & residencias artísticas, coa posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos, ou Sensoxenómica: na vangarda da música e saúde para estudar o impacto dos estímulos musicais en enfermidades como o alzhéimer, párkinson ou o dano cerebral co obxectivo de desenvolver un programa de intervención musical en centros sanitarios ou sociosanitarios.

Imaxes relacionadas