O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, percorreu esta mañá un tramo do Camiño de Santiago para apoiar esta iniciativa

A Xunta participa na VIII edición do ‘Camiño da diversidade’ da Fundación Ingada

O obxectivo da marcha, organizada pola Fundación Ingada é concienciar á sociedade sobre a diversidade, así como fomentar a integración das persoas con trastornos por déficit de atención por hiperactividade (TDAH)

Ames (A Coruña), 2 de xullo de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na VIII edición do Camiño da Diversidade, unha actividade educativa e de ocio organizada dende a Fundación Ingada, coa colaboración da Asociación Xuvenil Atlántica. O obxectivo desta andaina é sensibilizar á cidadanía sobre a diversidade e facilitar a integración de todas as persoas.

 

Os participantes nesta iniciativa percorreron unha etapa do Camiño de Santiago desde o concello de Ames ata a praza do Obradoiro, na que puideron apreciar o patrimonio que ten a ruta Xacobea. Ademais de chamar a atención á sociedade sobre a diversidade, a través desta actividade procúrase potenciar valores como os da solidariedade, o respecto, o compañeirismo e a vida saudable.

 

Jacobo Rey destacou o traballo da Fundación Indaga na atención integral ás persoas afectadas polo TDAH e trastornos asociados, así como o apoio que presta ás familias. Neste sentido, o director xeral garantiu a continuidade do apoio da Xunta a iniciativas como esta que achegan a realidade destes colectivos ao conxunto da sociedade.

Imaxes relacionadas