A Xunta recibe 5 ofertas de empresas para executar as obras do ‘by-pass’ no río Anllóns, en Carballo, que suporán un investimento de máis de 282.000 €

Esta intervención ten como obxecto mellorar a capacidade hidráulica do río ao seu paso polo emprazamento de Muíño do Quinto

A Xunta impulsa estas intervencións no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para impulsar as obras identificadas como prioritarias no plan de xestión de inundacións específico desta área, cun investimento global de 3 M€
 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 5 ofertas de empresas para executar as obras do ‘by-pass’ no río Anllóns na zona de Muíño do Quinto, en Carballo, que suporán un investimento de máis de 282.000 euros.

 

Esta intervención ten como obxecto mellorar a capacidade hidráulica do río ao seu paso polo emprazamento de Muíño do Quinto.  

 

O investimento global superará os 331.300 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias para a realización dos traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses.

 

O proxecto obxecto de contratación permitirá executar as obras de apertura dunha canle trapezoidal que posibilite derivar caudal en períodos de avenida. Para iso tense deseñado unha rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, para que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai a construír.

 

Para poder levar a cabo esta actuación é necesario crear un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle. Este aspecto resolverase coa construción dun marco in situ de formigón armado. Ademais, a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se ten proxectada a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

 

Máis concretamente, o proceso construtivo consiste, primeiramente, en realizar o marcado da zona expropiada e levar a cabo as tarefas de roza e retirada de elementos que se atopen situados na zona de traballo. Unha vez preparada a zona de obra, comezarase co movemento de terras executando a canle do’ by- pass’, tanto augas arriba como augas abaixo, mantendo o camiño asfaltado en servizo ata o fina, xa que esta calzada servirá de zona de paso para a maquinaria durante as obras.

 

Paralelamente, irase executando a pasarela de madeira que dará continuidade á senda fluvial que transcorre pola marxe esquerda do río Anllóns, xunto coa senda fluvial que será necesario repoñer. Unha vez finalizado o movemento de terras, actuarase na calzada.

 

Demolerase o pavimento e realizarase a escavación ata a cota de cimentación. Realizarase o saneo da zona de apoio, colocarase o xeotéxtil e o formigón de limpeza sobre a que asentarán os marcos.

 

O marco executarase in situ e unha vez finalizado, disporanse os recheos do trasdós, estenderase o pavimento e colocaranse os elementos de sinalización, balizamento e defensas. Inclúese ademais, unha partida de estendido de zahorra para a reposición dun camiño municipal que dará acceso ás parcelas que verán interrompido o seu acceso pola construción da canle.

 

Plan de xestión da área de risco de inundación do río Anllóns

Esta actuación está incluída entre as previstas pola Xunta para reducir o risco de inundacións neste río, ás que se destina un investimento global de 3 millóns de euros, no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para desenvolver os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns.

 

Segundo ese acordo, a Xunta asume integramente a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións e a execución das obras, e o Concello de Carballo porá á disposición os terreos necesarios e realizará as xestións para posibilitar a súa execución, así como o seu posterior mantemento e conservación.

 

Cómpre sinalar que o primeiro proxecto a licitar é a realización deste ‘by-pass’ no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto. Ademais, Augas de Galicia segue a traballar na redacción dos proxectos das outras actuacións que se consideran prioritarias, como son a demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; a reparación da ponte da rúa Fomento, coa mellora do leito e as motas de contención augas abaixo da ponte; e a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na rúa da Cepeira, en Sísamo.

 

Tamén se segue a traballar na redacción do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista, se ben esta actuación non está recollida expresamente no marco das actuacións iniciais previstas pola Xunta.

 

O Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, recolle actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

 

Con estas obras apóstase pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural. As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

 

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas por Europa con fondo do programa operativo de desenvolvemento rexional Feder 2014-2020.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático, no que estes episodios extremos son cada vez máis frecuentes.